O presidente do Goberno galego mantivo unha reunión coa vicepresidenta terceira do Goberno de España e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Galicia pide a colaboración do Goberno central para unha transición ecolóxica que ampare os intereses enerxéticos e industriais da Comunidade

Rueda require máis flexibilidade nos prazos de tramitación dos proxectos de enerxía eólica na Comunidade, especialmente aqueles con vinculación industrial

Obtén o compromiso da vicepresidenta de aprobar o plan de ordenación da enerxía eólica mariña antes de que remate o 2022

Trasladará ao Goberno central as prioridades de Galicia en planificación da distribución eléctrica, para que dean cobertura ás necesidades da industria

Advirte da necesidade de incluír o proxecto da multinacional Altri nos fondos europeos por tratarse dunha iniciativa de economía circular “estratéxica” para o futuro industrial da Comunidade autónoma
 

Madrid, 8 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou a colaboración do Goberno central para unha transición ecolóxica que ampare os intereses enerxéticos e industriais de Galicia. No encontro que mantivo esta tarde coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, Rueda obtivo compromisos en asuntos estratéxicos para a comunidade autónoma. 

O presidente Rueda requiriu ao Goberno central máis flexibilidade nos prazos de tramitación dos proxectos de enerxía eólica previstos na Comunidade, especialmente aqueles con vinculación industrial. Pediu á ministra “ir da man” na tramitación das autorizacións que permitan resolver un asunto clave para o futuro industrial de Galicia. 

O mandatario da Xunta indicou que Galicia está en disposición de converterse nun referente nacional na eólica mariña, polo que pediu unha implicación máis intensa do Goberno central coa tramitación do marco normativo necesario. Neste sentido, a vicepresidenta terceira comprometeuse a aprobar antes de que remate este 2022 o plan que ordenará o desenvolvemento destes parques. 

Así mesmo, o presidente do Goberno galego e a vicepresidenta terceira do Executivo central abordaron a planificación da distribución eléctrica, que —tal e como enfatizou Rueda— é fundamental para dar cobertura á industria galega, tanto a que xa está asentada na comunidade como a que quere facelo. Ribera comprometeuse a estudar unha relación de necesidades prioritarias de Galicia que lle trasladará o presidente, entre as que se atopa a moi alta tensión que necesita a planta de Stellantis en Vigo. 

Rueda interesouse especialmente polo proxecto da multinacional Altri para instalarse en Palas de Rei, que precisa da chegada dos fondos europeos. Incidiu en que se trata dunha iniciativa de economía circular cun investimento de máis de 800 millóns de euros que permitirá a creación de 2500 empregos e que resulta “estratéxica” para Galicia. Rueda pediu garantías e financiamento para esta iniciativa e agradeceu que Teresa Ribera se comprometese a estudar en profundidade unha planta de fibras téxtiles sustentables que será “boa para Lugo, para Galicia e para toda España”. 

Xestión do litoral

Malia o bo ton do encontro, non foi posible chegar a un acordo nun dos asuntos nos que o Goberno galego discrepa do central: a xestión do litoral. Se ben Teresa Ribera entendeu a importancia da actividade vinculada coa costa en Galicia, non accedeu a desbloquear a transferencia das competencias sobre o Dominio Público Marítimo-Terreste. O presidente da Xunta recordou que están en xogo 4000 edificacións e un centenar de empresas, polo que lle comunicou o inicio da tramitación da Lei de ordenación do litoral para definir desde Galicia os usos e actividades permitidas na costa e pediulle a retirada do Regulamento xeral de Costas, perante o que a Xunta interpuxo un recurso ante o Tribunal Supremo. O presidente da Xunta advertiu que de non chegar a un acordo, “Galicia seguirá defendendo os seus intereses como fixo ata o de agora”.

Imaxes relacionadas