A Xunta mellorou a eficiencia enerxética no CEIP de Antas de Ulla tras investir 240.500 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego vén de acometer obras centradas na mellora do illamento exterior

Antas de Ulla (Lugo), 8 de novembro de 2022

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de realizar diversas obras por valor de 240.500 euros no CEIP de Antas de Ulla, co obxectivo principal de mellorar as condicións de eficiencia enerxética.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, entre os que destaca a substitución das ventás e portas exteriores por outras con maior estanquidade e resistencia térmica.

Así, as novas carpinterías instaladas contan cun sistema de apertura oscilobatente, perfilería con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Tamén se dotou de illamento e instalouse falso teito no comedor e noutras estancias de elevada altura.

Actuouse así mesmo nas cubertas, co fin de repoñer os canlóns e limas que o precisaban e reparar filtracións puntuais. En determinadas zonas interiores renováronse os falsos teitos e a pintura. Nalgúns espazos do centro tamén se mudou a iluminación por equipos LED de baixo consumo. Ademais, nos aseos e no ximnasio substituíronse as carpinterías interiores e instaláronse estores nas aulas.

O delegado subliñou que con esta intervención acádase un centro máis confortable para toda a comunidade educativa do CEIP de Antas, que este curso conta con 80 estudantes tras rexistrar un aumento da matrícula.

Arias afirmou que esta actuación enmárcase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego que conta cun investimento de 191M€ para esta lexislatura.

O obxectivo deste plan, pioneiro en España, é avanzar en infraestruturas educativas máis confortables, máis innovadoras e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.

Con cargo a este Plan, a Xunta ten en marcha na provincia de Lugo un total de 31 actuacións que suman un importe de 16,9 M€ e se atopan en diferentes fases de execución.

Imaxes relacionadas