O presidente da Xunta interveu na I Xornada Divulgativa da Sociedade Impulsa Galicia

A Xunta defende a importancia da colaboración público privada no impulso dunha Galicia xeradora de riqueza co apoio da “enorme oportunidade” dos fondos europeos

Rueda subliña que Galicia presentou aos Next Generation proxectos “potentes, viables e realistas” e advirte de que agora só queda que o Goberno central garanta “certezas” de que contan con esa financiación para levalos adiante
 

Avanza que na reunión desta tarde coa vicepresidenta terceira do Goberno lle trasladará a petición de descentralización ás CC.AA. das partidas europeas para evitar o “colo de botella” e que “os cartos cheguen canto antes” aos seus destinatarios
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe o papel da colaboración público-privada na consecución dunha Galicia xeradora de riqueza e salientou a importancia que neste senso supón a “enorme oportunidade” dos fondos europeos de reconstrución.

“As empresas teñen que ser aliadas, e moito máis neste momento. Non deben ser vistas como chibos expiatorios cando crean riquezas. E a Xunta procura iso”, argumentou Rueda na súa intervención en Santiago de Compostela na I Xornada Divulgativa da Sociedade Impulsa Galicia, única no mapa autonómico e da que gabou o seu éxito tras ser creada en 2021 nunha alianza entre a Administración autonómica e empresas punteiras.
 

Para avalalo, destacou que as iniciativas maduradas ao abeiro dela suman xuntas “millóns de euros de investimento e a previsión da xeración de milleiros de postos de traballo”, en referencia a proxectos, como a planta de fibras téxtiles de Altri para Palas de Reis; a planta de biometano e fertilizantes a partir de xurros, da man de Repsol, Naturgy e Reganosa; ou a planta de hidróxeno verde impulsada por Reganosa e EDP Renovables, nas Pontes, declarada pola Xunta como Estratéxica.

“Son proxectos viables, realistas e poden ser feliz realidade e fonte de riqueza para toda Galicia”, defendeu Rueda, quen asegurou que se trata de iniciativas “radiais” de cuxas vantaxes se pode beneficiar non só a nosa Comunidade, senón toda España.
 

Demanda de certezas do Goberno central

Por iso, neste intre, Rueda considerou que agora toca a implicación do Goberno central, a través dos fondos europeos para a consecución de financiación destes proxectos “potentes e realistas”. “Desde aquí fixemos exactamente todo o que se nos demandou desde Bruxelas e Madrid”, aseverou.
 
Ante esta situación, o presidente da Xunta anunciou que, na reunión que manterá esta mesma tarde coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, lle pedirá que se dean “certezas” nas cantidades e prazos da financiación para estes proxectos “polos que vale a pena apostar”.
 

“Man tendida”

“Irei con toda a boa intención en nome de Galicia, sen vontade de liortas”, asegurou Rueda, quen avanzou que o Goberno galego vai a este encontro coa “man tendida” para insistir no cambio de modelo e a descentralización ás CC.AA. dos fondos europeos. O obxectivo, segundo precisou, é evitar o “colo de botella” durante a tramitación destes fondos e, deste xeito, garantir que, coa financiación a través dos Next Generation, “os cartos cheguen canto antes” aos proxectos. “Non están fluíndo como deberían”, censurou.

Por iso, advertiu de que, ao igual que “segue correndo” o calendario para facer uso destes fondos comunitarios, tamén os trámites “deberan estar a correr á mesma velocidade”. “Agardo esas certezas”, engadiu para concluír.

Imaxes relacionadas