Lorenzana pon en valor o novo programa ‘Impacto Autónomo’ que dará apoios a 25.000 profesionais para enfrontar as subas de materias primas e enerxía

A Coruña, 8 de novembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o establecemento da empresa téxtil Nima, situado na Coruña, que puxo como exemplo do compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento feminino e coa economía local. Tal e como anunciou, o novo programa Impacto Autónomo seguirá a apoiar este sector do traballo por conta propia, con achegas directas medias de 1.200 euros para compensar os negocios afectados pola actual conxuntura.

Vinte de cada cen euros do orzamento 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinarase en 2023 ao emprendemento (18,2M€) e ás traballadoras e traballadores autónomos (57M€). Lorenzana puxo en valor o novo programa Impacto Autónomo, que se estreará en 2023 e inxectará 30 millóns de euros “para axudar a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas a facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade”.

Tal e como destacou a conselleira, Nima é exemplo de que os apoios autonómicos resultan imprescindibles para o impulso de iniciativas novidosas, que beben do talento e do empuxe de galegas e galegos como María Aldalur, propietaria da firma, recibiu nos últimos apoios do Goberno autonómico tanto para a posta en marcha do negocio, como para a súa continuidade e modernización.

Imaxes relacionadas