A Xunta destaca en Valencia as posibilidades dos fondos europeos para potenciar a competitividade do tecido produtivo galego en clave dixital e verde

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha charla coloquio celebrada no marco do V Congreso de Industria Conectada, onde se falou do futuro da industria e da xestión dos fondos europeos polas administracións territoriais

Lembra que estamos ante unha oportunidade única para transformar a economía a través de proxectos verdadeiramente tractores e as reformas idóneas

Destaca a clara aposta pola dixitalización, a tecnoloxía, a innovación e a internacionalización, todas elas claves que permiten a transformación e modernización do tecido industrial

Valencia, 8 de novembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nunha charla coloquio celebrada no marco do V Congreso de Industria Conectada, organizado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, cita que se está a desenvolver en Valencia. Na súa intervención, Guldrís puxo en valor o compromiso de Galicia co apoio ao crecemento de novas industrias, cunha clara aposta pola dixitalización, a tecnoloxía, a innovación e a internacionalización, todas elas claves que permiten a transformación e modernización do tecido industrial.

 

“Durante 2021, a Comunidade bateu o seu récord de exportacións superando, por primeira vez, os 25.000 millóns de euros, e no que levamos de ano a nosa terra segue alcanzando novos rexistros” expuxo Guldrís, quen puxo en valor a Estratexia de Internacionalización para impulsar a recuperación económica, contribuíndo a alcanzar o mellor ciclo exportador da historia de Galicia e tamén salientou a recente posta en marcha da Axenda Startups Galicia 2022-2024, que busca promover un emprendemento innovador con capacidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.

 

“Desde a Xunta de Galicia vimos traballando para dar resposta ás necesidades do tecido produtivo, na procura de potenciar unha industria e unha economía sólida e con futuro, capaz de garantir a xeración de riqueza, de postos de traballo, e a consolidación do estado de benestar” afondou Guldrís no marco da súa intervención.

 

Galicia ten un modelo claro e definido que busca impulsar e reforzar a transformación do tecido empresarial a través dunha candidatura aos fondos Next Generation centrada na innovación, na dixitalización e na sustentabilidade. “Temos a posibilidade de desenvolver investimentos vinculados aos fondos grazas á colaboración público-privada, para reforzar as nosas fortalezas e para potenciar a competitividade do tecido produtivo en clave dixital e verde”, sinalou o director do Igape.

Imaxes relacionadas