A Xunta aposta polo emprego inclusivo con 44,5 M€ en 2023 a través do Plan Emprega Discapacidade para beneficiar a 6.000 persoas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade detallou hoxe o orzamento do seu departamento para a discapacidade para o vindeiro exercicio na visita que realizou ao Centro Especial de Emprego I-Lab do grupo Grumico

Na súa intervención mostrou a súa preocupación polo anteproxecto de Lei que promove o Estado para reordenar as bonificacións e incentivos á contratación laboral das persoas con discapacidade e insistiu na retirada do texto antes da súa aprobación

A Coruña, 8 de novembro de 2022

  A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe na Coruña que os orzamentos de 2023 do departamento autonómico reservan 44,5 millóns de euros para o Plan Emprega Discapacidade, co que a Xunta prevé formar e mellorar as oportunidades laborais de preto de 6.000 persoas.

Na visita que realizou ao Centro Especial de Emprego I-Lab, do Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (Grumico), Lorenzana detallou que Emprega Discapacidade inclúe ata sete programas con axudas para apoiar a creación e mantemento de emprego nas empresas de inserción e nos centros especiais de emprego; e apoios para a formación dual das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental, entre outros. 

Na súa intervención, a conselleira destacou a importancia de traballar na defensa dos intereses do colectivo da discapacidade “para unha plena participación e inclusión na sociedade” e, neste senso, mostrou a súa preocupación polo anteproxecto de Lei que promove o Ministerio de Traballo e Economía Social para reordenar as bonificacións e incentivos á contratación laboral das persoas con discapacidade tanto no emprego nas empresas como nos centros especiais de emprego.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade advirtiu dos efectos negativos que esta normativa poida ter no emprego das persoas con discapacidade polas minoracións que se prevén nos apoios, polo que insistiu na necesidade de que o Estado retire o texto antes da súa aprobación. “O emprego inclusivo é unha oportunidade, loitemos por iso”, apuntou, lembrando que o emprego é un dos elementos máis importantes para asegurar a autonomía e o benestar das persoas con discapacidade. Ao respecto, puxo como exemplo o labor que se desenvolve en I-Lab a favor da inclusión laboral das persoas con diversidade funcional a través do deseño, a elaboración e a venda de diferentes pezas de artesanía galega, xoias e xoiería baixo a marca de Artesanía de Galicia. “Son xoias para forxar un futuro laboral e para ofrecer unha saída no mercado de traballo, sodes un exemplo do que é traballar por un emprego inclusivo e de calidade”, engadiu.

Para rematar, Lorenzana afirmou que o feito de non apoiar o emprego inclusivo supón “unha perda inxustificada de talento humano, unha desvantaxe para o desenvolvemento económico e social dos nosos territorios e unha discriminación cara estas persoas”.

Imaxes relacionadas