A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá os cursos aos centros e entidades de formación que resultaron beneficiarios

A Xunta financiará con 2,9 M€ máis de medio centenar de accións formativas para personas desempregadas en Ferrolterra

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade oferta un total de 57 cursos na zona que suporán máis de 28.000 horas formativas
 

Persoas en ERTE e con discapacidade física, psíquica ou sensorial serán as destinatarias preferentes desta oferta formativa

Ferrol, 8 de novembro de 2022 A Xunta financiará con 2,9 M€ un total de 57 cursos formativos que se impartirán en 2022 e 2023 en centros ou entidades de formación acreditados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas). Así o avanzou esta mañá a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, durante un encontro con representantes dos 12 centros de formación profesional que resultaron beneficiarios na zona.

 

A representante autonómica explicou que dos 2,9 M€ de investimento que esta convocatoria deixará na comarca, 1,3 corresponden coa anualidade de 2022 e 1,6 coa de 2023. En total, impartiranse 28.751 horas formativas.

 

“A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas”, puntualizou Martina Aneiros.

 

Tamén porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. Ademais ofrece como novidade, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

 

Colectivos prioritarios

Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e os galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

 

No conxunto de Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiada con 49,7 M€ un total de 1.063 accións que impartirán en 2022 e 2023 centros ou entidades de formación acreditados coa finalidade de mellorar a cualificación de máis de 16.000 persoas desempregadas.

 

Durante este ano e 2023 o Goberno galego apoiará a celebración de 335 cursos (16,4M€) por entidades da provincia da Coruña; 196 (8,4M€) na de Lugo; 205 (8,4M€) en Ourense e 327 (16,3 M€) na provincia de Pontevedra.

 

Máis de 5.300 cursos desde 2014

Desde o ano 2014 a Xunta leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte preto de 67.000 persoas. A media de inserción durante ese tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 participantes nestas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta de obter un contrato no mercado laboral.

 

O programa, financiado con fondo finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, enmárcase no Plan galego de Formación para o Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.

 
Este conxunto de actuacións insírese nun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: o de mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade das galegas e os galegos. “A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e a oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación”, explicou Aneiros.

Imaxes relacionadas