O Sergas publica por primeira vez a apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal de bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, do 8 ao 21 de novembro de 2022

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se da publicidade á apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación.

As bibliotecas do Servizo Galego de Saúde, cuxo papel na organización foi potenciado coa creación da biblioteca virtual Bibliosaúde por Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 29 de xuño), desenvolven a función esencial de difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde e poñer a disposición das persoas usuarias información relevante e actualizada para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia, a investigación e a xestión. En correspondencia con ese relevante papel e na procura de impulsalo, o Servizo Galego de Saúde publica a apertura destas dúas novas listas de selección de persoal estatuario temporal no ámbito da biblioteconomía e documentación.

 

Tal e como recolle a convocatoria, o persoal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación exercerá as función inherentes que derivan das súas titulacións de acceso nas bibliotecas do Servizo Galego de Saúde.

 

A inscrición efectuarase a través do sistema de información Fides/expedient-e.

 

Para calquera dúbida relacionada con este proceso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: seleccion.temporal@sergas.es