O Playa Club da Coruña acolleu este domingo a fase final da especialidade de Música do programa Xuventude Crea 2022

A Xunta premia o talento musical de Lara Álvarez Álvarez, de Redondela, e do vigués Brais Fernández Pombo

En segundo lugar quedou a coruñesa Iria Vilas Iglesias; e en terceiro o grupo ‘Cantometrics’ formado por Marina Fernández Vigo, de Vigo; Luís Sánchez Bolón, da Coruña; Sandra Pérez Míguez, de Tui; Nébeda Piñeiro Barros, de Bueu; e Iago Camaño Lagoa, de Cangas do Morrazo

A Coruña, 7 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia celebrou este domingo nas instalacións do Playa Club da cidade herculina a fase final da especialidade de Música do certame Xuventude Crea 2022, que reuniu a oito artistas e grupos de diferentes partes de Galicia. A través deste programa, o Executivo autonómico pon en valor o talento e capacidade da mocidade galega en distintos ámbitos artísticos.

 

O primeiro premio foi para o grupo ‘Faíscas’, formado por Lara Álvarez Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández Pombo. Os temas que interpretaron en directo e cos que resultaron gañadores foron A flor e Vals de Traspielas.

 

En segundo lugar quedou a coruñesa Iria Vilas Iglesias, cos temas Hvergelmir e Gjoll. E en terceira posición quedou o grupo ‘Cantometrics’, cuxos compoñentes son: Marina Fernández Vigo, de Vigo; Luís Sánchez Bolón, de A Coruña; Sandra Pérez Míguez, de Tui; Nébeda Piñeiro Barros, de Bueu e Iago Camaño Lagoa, de Cagas do Morrazo. Os títulos dos dous temas que tocaron foron: Maios e Manuel do Campo.

 

Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros; 1500 os segundos clasificados e 1000 os que quedaron en terceira posición.

 

Máis de 4000 premiados

Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos foron premiados nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas.

 

Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

 
As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

Imaxes relacionadas