Fernández-Tapias dá a benvida aos novos emprendedores para iniciar a reactivación do casco vello de Vigo

A delegada da Xunta en Vigo entregou este luns as chaves aos adxudicatarios dos locais que saíron a concurso público

Xornada de portas abertas este martes (09:30 horas) para o proceso de adxudicación directa doutros seis baixos comerciais

“A pesar do bloqueo municipal á rehabilitación do Casco Vello e a novas vivendas de protección, o Consorcio segue adiante”, afirmou
 

Vigo, 7 de novembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, entregou este luns as chaves aos adxudicatarios que resultaron gañadores do concurso público que suporá a chegada ao barrio de catorce novos negocios con actividades comerciais e culturais.

“Hoxe facemos a entrega oficial dos baixos a un total de catorce empresas para que poidan iniciar de xeito inmediato a súa instalacion no barrio, o que suporá unha importante dinamización da zona”, sinalou a representante autonómica. O concurso público do organismo autónomo pechouse o pasado mes de outubro e os adxudicatarios xa poden comezar a súa actividade no Casco Vello vigués.

Entre os novos adxudicatarios que recolleron as súas chaves atópanse artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Así, a rúa Abeleira Menéndez incorporará a súa oferta comercial un local de artesanía textil, unha produtora de eventos e unha academia de cómic. No caso de Cruz Verde, abrirá unha academia de inglés e un establecemento de artesanía cerámica.

O barrio tamén acollerá de forma inminente un estudo de arquitectura na rúa Ferrería, mentres que en San Sebastián os alugueiros recaeron nun centro de ioga, unha orfebrería, un centro de orientación e acompañamento e outro estudo de arquitectura.

Ademais, na rúa Santiago haberá unha asociación cultural sen ánimo de lucro e tamén ampliará as súas instalacións unha editorial. Por último, na Subida á Costa instalarase unha fundación cultural e na Ribeira do Berbés, unha academia de formación de viño.  

Adxudicación directa

Fernández-Tapias tamén informou de que o Consorcio Casco Vello xa publicou no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o proceso de adxudicación directa para outros seis locais. Trátase das promocións situadas en Abeleira Menéndez 18; Cruz Verde 12; Ferrería 5–local 3; Ferrería 11 / San Sebastián 3; Real 25 y Ferrería 5-local 1. 

 

Así, este martes (09:30 horas) celebrarase unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a todos aqueles interesados no alugueiro os baixos dos que dispón en varios puntos da zona histórica da cidade. Todos aqueles particulares ou representantes de empresas ou entidades que desexen participar na visita concentraranse na praza do Abanico (Subida a Costa) desde onde, acompañados por técnicos do Consorcio, comezará o percorrido para coñecer in situ as características dos seis locais. 

Bloqueo municipal

A delegada lembrou que o Concello de Vigo xa bloqueara hai dous anos a iniciativa da Xunta para un novo proxecto cultural con emprendedores e que a día de hoxe ten bloqueado o orzamento e o plan de investimentos do Consorcio Casco Vello.

 

“A xestión do Consorcio continúa adiante a pesar da permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo. Xa bloqueou entón un gran proxecto para dinamizar o barrio e agora segue empeñado en torpedear o barrio histórico e non só estaba en contra dos alugueiros senón que votou en contra dos orzamentos e do plan de investimentos”, sinalou.

 

Fernández-Tapias sinalou que os representante municipais buscan paralizar a rehabilitación do Casco Vello. “O alcalde ten unha estratexia programada para dinamitar e torpedear calquera actuación do Consorcio, simplemente polo feito de que é a Xunta a que xestiona o organismo e non lle pode sacar réditos partidistas”, engadiu.

Imaxes relacionadas