A Xunta destaca o labor levado a cabo polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para incentivar a remuda xeracional nas zonas costeiras

Culleredo (A Coruña), 7 de novembro de 2022 A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou hoxe o traballo levado a cabo polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) a prol da remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro e para amosar a variedade de saídas laborais que ofrece. Así o asegurou na xornada  Profesións do mar, celebrada no CIFP Universidade Laboral de Culleredo da man do GALP Golfo Ártabro Sur con motivo do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais.

 

A representante autonómica recordou o papel vital que xogan estes grupos na dinamización socioeconómica das zonas costeiras e lembrou que a Consellería do Mar destina nos orzamentos de 2023 máis de 11 millóns de euros a garantir a súa actividade no período de transición ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Neste sentido, salientou datos da importancia dos GALP como que os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación en 2016 e ata finais de 2021 aportaron á economía galega máis de 230 millóns de euros, ao que hai que sumar a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos.

Imaxes relacionadas