A Xunta abre a segunda convocatoria de axudas para modernizar teatros, auditorios e salas, o que eleva o investimento por riba dos 2 M€

Entidades públicas e privadas poden solicitar ata o 5 de decembro apoio para proxectos de transición verde e transformación das infraestruturas de artes escénicas e musicais que impulsen a súa xestión sostible

Este investimento redundará nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha meirande calidade na exhibición dos espectáculos diante do público

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achegou 1,2M€ a 46 espazos na primeira convocatoria, que agora se amplían con 900.000€ adicionais

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2022

A Xunta acaba de abrir a segunda convocatoria de subvencións para a modernización e xestión sostible das infraestruturas de artes escénicas e musicais, que suporá un novo investimento de 880.000 euros en teatros, auditorios e salas tanto de xestión pública como privada. Deste xeito, o importe global desta liña de axudas supera xa os 2M€ tras unha primeira quenda de adxudicacións publicada o pasado mes de maio e que supuxo unha achega de 1,2 millóns de euros a 46 espazos de toda Galicia.

 

Desenvolvemento no primeiro semestre de 2023

Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, as súas destinatarias son entidades á fronte de locais de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, tanto privadas como da Administración local. Cada unha delas só poderá solicitar axuda para un espazo e sempre que este non resultase beneficiario na convocatoria anterior. Todas elas teñen de prazo ata o 5 de decembro para optar a esta achega económica para o desenvolvemento dos seus proxectos de modernización, que deberán levar a cabo entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023.

 

Esta segunda convocatoria mantén como prioridades a dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental. Así, este novo investimento redundará na renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción en teatros, auditorios e salas, ao tempo que suporá unha mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como unha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público. Atenderanse tamén as necesidades de rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

 

Gastos subvencionables

Con estes fins, subvenciónanse os custos de elaboración dos proxectos técnicos e os honorarios dos profesionais que os realicen; as obras de instalación, modernización e rehabilitación; a compra, montaxe e instalación de equipos e materiais; a renovación das ferramentas de xestión artística e de produción de espectáculos, ou os gastos de auditoría, entre outros. A contía da axuda no caso das entidades privadas pode alcanzar ata o 80% do orzamento da proposta, cun límite de 30.000 euros por beneficiaria, mentres que para as entidades públicas esta porcentaxe sitúase no 70% e a axuda máxima en 50.000 euros, que ascende a 60.000 euros no caso de agrupacións de entidades.

 

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, para a súa concesión establécese un baremo de puntuacións de acordo coa antigüidade do espazo, a súa capacidade, a programación de grupos ou compañías profesionais galegas, o persoal en nómina ou a súa participación recente nalgunha das tres redes de espectáculos profesionais da Xunta: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas. Realizarase, así mesmo, unha valoración técnica da memoria e do plan de viabilidade técnica e económica dos espazos, entre outros aspectos.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona esta vía de apoio, ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, co fin de cubrir o investimento dedicado á transición verde e á transformación deste tipo de infraestruturas, impulsando ao tempo un crecemento intelixente e sostible da súa xestión.