O Proxecto Terra impulsado por Xunta e COAG achegará ao alumnado de 45 colexios o coñecemento dos seus hábitats e dos diferentes aspectos que os compoñen

Desde a posta en marcha da iniciativa, no ano 2000, nunca antes se recibira un número tan elevado de solicitudes para participar neste programa pedagóxico
 

As actividades previstas ao longo do curso inclúen saídas, obradoiros educativos e formación para o profesorado buscando no posible unha perspectiva multidisciplinar

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2022 O Proxecto Terra, unha iniciativa de cooperación co mundo educativo que busca contribuír a mellorar a formación dos escolares galegos sobre a xente e os diferentes espazos que habitan, chegará este curso 2022-2023 a un total de 45 centros educativos de toda Galicia.

 

Enmarcado no Plan Proxecta+ da Xunta para fomentar a innovación educativa por medio do traballo cooperativo e interdisciplinar, o Proxecto Terra xorde no ano 2000 da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

 

Nos seus máis de 20 anos de funcionamento converteuse nun proxecto afianzado e moi coñecido, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para as etapas educativas ás que se dirixe (infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP). O obxectivo é mellorar o coñecemento que a cidadanía ten do urbanismo, a arquitectura e a paisaxe empezando polos máis cativos e a través do eido educativo.

 

A tal fin, búscase que o alumnado perciba o hábitat humano desde as diferentes perspectivas que abordan os materiais elaborados e postos á disposición da comunidade educativa. O hábitat estúdase afondando en diferentes aspectos, como son a paisaxe, o territorio, o urbanismo, a arquitectura ou o medio ambiente, dependendo do enfoque escollido polos centros, aínda que se prefire que os proxectos se aborden desde diversas perspectivas e se chegue a formular e desenvolver de forma interdiciplinar.

 

Este tipo de proxectos resultan moito máis enriquecedores para o alumnado e reverten de xeito positivo no resto da comunidade educativa, dando a coñecer as formas de habitar do ser humano sobre o territorio e espallando o respecto polo patrimonio.

 

40 solicitudes de media

Cada ano adóitanse recibir preto de 40 peticións de centros que desexan participar no Proxecto Terra, optando tamén a incluír as distintas actividades que se ofrecen nas súas programacións docentes (saídas, obradoiros, formación para o profesorado…).

 

Este ano recibiuse o número de solicitudes máis alto ata o momento, superando as 45 prazas ofertadas para garantir que a iniciativa se poida xestionar desde uns principios de coidado e calidade en todas as actividades e para todos os participantes, polo que houbo que seleccionar aquelas que mellor se adaptaban aos criterios expostos na convocatoria.

 

Ano tras ano vénse detectando como aumenta a calidade do conxunto de propostas e como os centros educativos avogan, aliñados tamén co novo currículo, por proxectos interdisciplinares que sumen esforzos por achegar os contidos ao alumnado, partindo do coñecemento do próximo, das xentes, espazos e lugares que habitan.

 
Cómpre subliñar que entre as actuacións que se levan a cabo no marco do Proxecto Terra figuran tamén actividades fóra da aula, como as visitas guiadas de arquitectura contemporánea, ou iniciativas máis recentes como a de Eu son inspect@r urbanístic@. Coida o territorio, coida do teu, que se puxo en marcha hai dous cursos e ten como obxectivo promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, da contorna próxima e da paisaxe, trasladando aos máis pequenos o valor de coidalo a través da experiencia e dos valores que lles transmite o persoal ao servizo da APLU.

Imaxes relacionadas