A Xunta concede axudas a un centenar de entidades sociais por un valor de 7 M€

Financiaranse 500 actuacións para garantir o funcionamento diario de centros de inclusión e emerxencia social como albergues ou comedores sociais, entre outros

Tamén se sufragarán programas formativos e de acceso ao mercado laboral de persoas en situación ou risco de exclusión

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia concederá achegas económicas por valor de 7,1 millóns de euros a un total de 98 asociacións ao abeiro da nova orde de axudas a entidades sociais para sufragar posta en marcha de programas e iniciativas no ámbito da inclusión. O Executivo autonómico xa notificou a resolución desta orde ás entidades beneficiarias e en vindeiras datas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A través destas axudas, a Xunta apoiará 500 actuacións coas que garantirá o financiamento básico de centros de inclusión e de emerxencia social da Comunidade Autónoma, entre outros: albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou equipamentos sociais de atención continuada. Ademais, todos estes programas recibirán con esta nova liña de subvencións ata un 40 % máis de fondos por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.

Por outra banda, a orde tamén achega financiamento a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en situación ou risco de exclusión. Entre eles, inclúense tamén accións formativas e programas específicos para as persoas sen fogar e para poboación inmigrante, como formación lingüística, mediación intercultural ou asesoramento técnico en estranxeiría. As intervencións subvencionadas abranguen desde o pasado día 1 de xullo ata o 31 de abril de 2023.

Con esta iniciativa, o Goberno galego dá continuidade a súa colaboración co tecido asociativo, co obxectivo de chegar a todos os fogares que atravesan unha situación complicada e que precisan de apoio.