A Xunta pon ao grupo Da Cunha, en Carral, como exemplo de aposta polo autoconsumo renovable

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá a sede da compañía que contou con axudas do Goberno galego para a instalación dunha planta fotovoltaica

Carral (A Coruña), 4 de novembro de 2022 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá en Carral a sede do Grupo Da Cunha que inaugurou unha instalación fotovoltaica coa que prevé reducir nun 25% a súa factura eléctrica anual.

 

Cunha axuda de preto de 68.000 euros por parte do Inega, a compañía acometeu este investimento de 271.500 euros para cubrir, a través do autoconsumo, un terzo das súas necesidades eléctricas, grazas a unha planta fotovoltaica de 410kWp.

 

O director xeral puxo a este Grupo como exemplo de aposta polo autoconsumo renovable, un eido no que a Xunta de Galicia está facendo fincapé como eixe fundamental no proceso de transición enerxética. De feito, no que vai de ano xa se levan concedido 1.011 apoios por máis de 15M€ a empresas e particulares, o que supón un 66% máis que o ano pasado. Por outra banda, tamén se está fomentando este tipo de actuacións coa adopción de medidas de simplificación e axilización administrativa.

 
A Xunta seguirá nesta liña e, por iso, neste contexto de crise enerxética e escalada de prezos, o orzamento do Inega en 2023 subirá ata os 80M€, reservando para autoconsumo, almacenamento enerxético e enerxías renovables térmicas 20,7M€.

Imaxes relacionadas