Fernández-Tapias mantén un encontro cos veciños de Teis para informar sobre as melloras “inmediatas” na ETEA e os novos proxectos da Xunta no barrio vigués

A delegada territorial da Xunta en Vigo convocou aos representantes de asociacións veciñais, comerciantes, entidades deportivas e colectivos do barrio vigués

“Xa levamos a cabo a mellora de servizos e agora estudiaremos as peticións veciñais para dar resposta canto antes”, sinalou

Fernández-Tapias explicou aos veciños o proxecto xa aprobado para a primeira fase de humanización da Avenida de Galicia cun importe de 2,5 millóns

Lembrou que a actuación nos viais e a praza de armas da ETEA, cun investimento de 12,5 millóns, agarda a posta a disposición dos terreos por parte do Concello

Vigo, 4 de novembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este xoves unha xuntanza con diferentes asociacións e colectivos de Teis para informarlles sobre as melloras que “de maneira inmediata” vanse realizar na ETEA e tamén respecto aos novos proxectos que o Goberno galego xa ten en marcha no barrio vigués.

 

Fernández-Tapias explicou que nos vindeiros días a administración autonómica procederá a levar a cabo diferentes actuacións. “Contratamos xa a mellora dos servizos de limpeza, mantemento xeral, alumeado e outras necesidades”, explicou á veciñanza de Teis.

 

Segundo apuntou, a Xunta aprobará o proxecto e a execución do centro de transformación eléctrico, así como o servizo de alumeado do PS-5, do edificio Morse e dos farois da avenida principal. Ademais, xa está contratada a reparación de fochancas no campo de fútbol e de baloncesto, ademais do valado e o taboleiro da canasta.

 

Igualmente, levarase a cabo a mellora do servizo de limpeza e mantemento, que xa se presta desde o mes de xuño. A representante autonómica tamén recolleu as peticións dos diferentes colectivos para levar a cabo melloras no barrio vigués e especialmente na zona da ETEA.

 

Avenida de Galicia

Tamén explicou os pormenores da primeira fase da humanización da Avenida de Galicia, xa aprobada cun importe de 2,5 millons de euros, e o proxecto para humanizar os viais e a praza de armas da ETEA (PS1), que está a espera da posta a disposición dos terreos por parte do Concello de Vigo para investir outros 12,5 millóns.

 

Á reunión celebrada nas instalacións da ETEA asistiron representantes da Asociación de Veciños, Plan Comunitario, Marinetea, Asociación de Comerciantes, Mercado de Teis, Club de Remo Virxe da Guía, C.D. A Guía, Club Deportivo Teis, Club Ciclista, Voces polo Litoral e Comisión de Festas da Guía. Pola súa banda, a delegada estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e a secretaria territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Imaxes relacionadas