A Xunta coordina un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior da empresa Masol Iberia Fuel, no porto exterior de Ferrol

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron na actuación para comprobar a coordinación en caso de emerxencia real e mellorar a resposta


No exercicio simulouse unha dispersión tóxica e un incendio con persoas feridas tanto dentro coma fóra das instalacións


A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias
 

Ferrol, 4 de novembro de 2022

  O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron esta mañá no simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do Cabo Prioriño, deseñado para facerlle fronte a emerxencias que se poidan orixinar nas instalacións de Masol Iberia Biofuel, situada no Porto Exterior de Ferrol. O obxectivo é comprobar o correcto funcionamento dos mecanismos de activación, coordinación e intervención previstos no plan. 

Búscase ademais verificar a coordinación entre o PEE e o Plan de emerxencia interior e de autoprotección do porto de Ferrol e mais o Plan de emerxencia interior do establecemento industrial. O adestramento do persoal pertencente aos distintos grupos operativos e centros de coordinación, mando e control, así como no uso dos sistemas de comunicacións son outros dos obxectivos. Tamén figuran a posta en práctica de accións de protección á poboación afectada na contorna do establecemento e a información sobre a conduta que debe seguir en caso de accidentes.

O simulacro comezou ás 10,30 horas, e contou tamén coa presenza do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. Baseouse nunha dispersión tóxica no interior do cubeto de inflamables como consecuencia dunha fuga de metilato sódico producida pola rotura na liña de saída do tanque de almacenamento. Como consecuencia do derrame xérase unha nube tóxica que se dispersa e prodúcese un incendio.

 

Durante o suceso haberá vítimas dentro da planta, con dúas persoas inconscientes, unha con posible intoxicación por produtos químicos, e outra con queimaduras e cara, coiro cabeludo e tórax. Fóra da planta rexistrouse tamén unha persoa con crise de ansiedade e outra con intoxicación leve por inhalación de fume ou de produtos químicos.

 

No exercicio actuaron persoal e medios da empresa Masol Iberia Fuel, xunto coa mobilización de efectivos dos servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento de Ferrol e de Narón, Policía Local de Ferrol, Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Portuaria, Grupo de Apoio Loxístico ás Emerxencias (GALI) da Axega. o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), o 061, Cruz Vermella, voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ferrol, a Delegación do Goberno en Galicia e persoal da Xunta.

 

Tras o suceso iniciador do simulacro, actívase o Plan de Emerxencia Interior, cos medios propios de Masol Iberia Fuel. Ao non conseguir controlar o accidente, a persoa responsable do establecemento dálle aviso ao CIAE-112, que mobiliza os medios e avisa o técnico de garda, que propón a activación do PEE.

 

Aposta pola prevención

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Deste xeito, estes exercicios permiten dar a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

As normativas europea (directiva SEVESO) e a estatal obrigan as administracións públicas a elaborar e implantar plans de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades. Estes plans teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

Imaxes relacionadas