Arias visita a casa niño ‘A Brétema do Miño’, a segunda que se pon en marcha no municipio de Portomarín

O delegado territorial da Xunta en Lugo subliña que a provincia suma xa 23 centros e 115 prazas para menores de 0 a 3 anos no ámbito rural, gratuítas para as familias

Portomarín (Lugo), 4 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na apertura da casa niño A Brétema do Miño, a segunda que se pon en marcha no municipio de Portomarín e unha das seis financiadas pola Consellería de Política Social e Xuventude ao abeiro da última convocatoria de axudas. Está situada no futuro centro interxeracional da localidade, onde tamén funciona unha casa do maior.

 

Arias destacou que desde o ano 2016 creáronse 23 casas niño na provincia, ofrecendo máis dun centenar de prazas para nenos e nenas de entre 3 meses e os 3 anos; “en concreto, actualmente poñemos 115 prazas a disposición das familias que residen en núcleos rurais -indicou-, e seguiremos apostando por estes recursos de conciliación para fomentar a cohesión e a igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade”.

 

Neste sentido, lembrou que está previsto que proximamente poida iniciar a súa actividade outra casa niño en Folgoso do Courel, que sería tamén a segunda no municipio. En total, 17 concellos de Lugo contan xa con este servizo.

 

As casas niño son un modelo de atención á infancia adaptado ás características dos concellos rurais de Galicia. Teñen un máximo de cinco prazas e funcionan de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes de cada doce no que permanece pechada por vacacións.

 

Foron os primeiros servizos desta índole gratuítos para as familias, unha medida que a Xunta estendeu desde este curso a todas as escolas infantís de Galicia, tanto públicas como privadas. “O Goberno galego segue a ser pioneiro na materia -apuntou Arias-, porque temos como prioridade impulsar servizos que axuden ao impulso demográfico, especialmente no rural”.

Imaxes relacionadas