O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural supervisaron esta mañá as obras

A Xunta avanza nos traballos de construción de novos pozos para o regadío da Limia cun investimento total de case 6 millóns de euros

José González lembrou que as actuacións consisten na construción de 40 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá

Puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán na comarca por parte da Xunta e do Estado, uns fondos conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego

Xinzo de Limia (Ourense), 4 de novembro de 2022

A Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de pozos desta bisbarra ourensá. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou esta mañá as obras de tres pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as obras de bombeo e electrificación dos pozos.

 

Precisamente, dos tres pozos que hoxe supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e ao seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo. Desta maneira, engadiu, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos.

 

De feito, José González indicou que na actualidade están dúas perforadoras con equipos completos e que se prevé rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, engadiu, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan os pozos e prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un dos pozos.

 

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes.

 

Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse tamén aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

 

A este montante, subliñou o conselleiro, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta para a reparación de camiños desta bisbarra -en colaboración coa Deputación de Ourense-. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

 

Neste senso, José González puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, aínda que o dirixente galego solicitou máis esforzo por parte do Goberno central para que a modernización do regadío estea á altura da bisbarra. Un sector, dixo, ao que lle agradeceu a súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e que gracias a eses fondos -conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte da Administración galega- se logrará un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.

 

Por último, o conselleiro de Medio Rural e a directora xeral aproveitaron para visitar as instalacións da oficina de información do regadío da Limia, situada no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A través desta oficina, infórmase a todos os interesados sobre os avances na mellora e modernización do regadío.

Imaxes relacionadas