A Xunta aproba a suba adicional do 1,5 % das retribucións dos empregados públicos autonómicos para compensar os efectos da inflación

Rueda explicou que este incremento aplicarase “con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022” e calcularase sobre as retribucións vixentes en 31 de decembro de 2021

Resaltou que os empregados públicos recibirán a contía correspondiente antes de que finalice o ano


O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei polo que se aproba esta retribución adicional

O obxectivo, segundo explicou o presidente, é paliar os efecto do “aumento do custo da vida” no poder adquisitivo dos empregados públicos
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deo o visto e prace ao proxecto de Lei polo que se aproba a suba adicional do 1,5 % das retribucións dos empregados públicos autonómicos para compensar os efectos da inflación. “Esta suba de salario aplicarase con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2002”, explicou para resaltar que o obxectivo é que os traballadores reciban esta contía antes de fin de ano.

 

Rueda fixo fincapé en que a situación económica xerada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética motivou “un aumento do custo de vida” polo impacto da inflación que está a impactar “no poder adquisitivo de todas as persoas”.

 

Con este obxectivo, o incremento adicional aprobado hoxe polo Goberno galego, aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2022, calcularase sobre as retribucións vixentes en 31 de decembro de 2021 e será aboado antes de que remate o ano.

 

Se temos en conta este incremento extraordinario do 1,5 % e o aumento xa previsto no artigo 11.2 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, “o incremento total das retribucións dos empregados públicos no exercicio vixente ascende ao 3,5%”, segundo destacou o presidente da Xunta tras a reunión semanal do Consello.

 

Imaxes relacionadas