A Xunta porá en marcha en 2023 unha nova liña de axudas de 2,6 M€ para mellorar a eficiencia enerxética das entidades locais
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, anunciou a nova orde na súa visita ao concello de Frades, que adquiriu en conxunto co municipio de Ordes unha rozadoira para tarefas ambientais ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental
Puxo en valor a cooperación entre os propios concellos en servizos conxuntos como o de protección de medio ambiente e do espazo natural que comparten Ordes e Frades, co obxectivo de evitar duplicidades e ser máis eficientes aforrando custes
Tamén o próximo ano se habilitará a nova convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental cun orzamento de 11,3 M€
Frades (A Coruña), 3 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe nunha visita a Frades xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que a Xunta reforzará en 2023 o compromiso coa sustentabilidade das entidades locais cunha nova liña de axudas dotada con 2,6M€ para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciadas con fondos FEDER. Deste xeito, mellorarase a eficiencia e o aforro enerxético reducindo o impacto ambiental e as emisións de dióxido de carbono dos inmobles e infraestruturas municipais.
Diego Calvo visitou o concello de Frades, que vén de recibir unha axuda de 35.700 euros conxunta co municipio de Ordes, co que comparte o servizo de protección de medio ambiente e do espazo natural. Este apoio destínase tanto a cofinanciar os gastos de funcionamento anuais do servizo como á adquisición dunha rozadoira lateral. Xa o ano pasado se apoiou a este servizo no seu mantemento e reforzouse o seu equipamento cun vehículo todocamiño híbrido con distintivo ECO.
A colaboración en ambos casos realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), co que o Goberno galego apoia o funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio e do que manterá en 2023 o orzamento de 11,3M€. Nos últimos anos, o investimento no FCA superou os 116M€ en actuacións nas entidades locais coas que contribuír á restauración ambiental e a acadar concellos máis sustentables.
A través desta liña subvenciónanse accións como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais ou a utilización de enerxías renovables. Ademais, apóiase os concellos na conservación da biodiversidade e a protección do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de na dotación de medios.