Fernández-Tapias anima á cidadanía a participar como voluntarios na gran recollida do Banco de Alimentos
A delegada territorial da Xunta en Vigo realizou este xoves unha visita ás instalacións da ONG na Avenida do Alcalde Lavadores
Vigo, 3 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves ás instalacións do Banco de Alimentos onde xa preparan a Gran Recollida dos días 25 e 26 de novembro en toda a provincia. A representante autonómica animou á cidadanía a participar como voluntarios na iniciativa solidaria.
“Son necesarias 2.000 persoas, en Vigo entre 1.200 e 1.300, polo que pido a todo á cidadanía que colabore para alcanzar os obxectivos e poder encher de novo a despensa do Banco de Alimentos”, sinalou. Fernández-Tapias, que tamén participará como voluntaria na Gran Recollida, realizou un percorrido polos almacénes e oficinas acompañada polo presidente e o vicepresidente da organización, Iván Martínez e Polo Quinteiro, respectivamente.
Ademais, destacou a importante labor que realiza a ONG nestes momentos. “No actual contexto económico toda axuda será boa e a organización intentará achegarse aos 300.000 kilos de alimentos, unha cifra similar aos anos prepandémicos”, apuntou a delegada territorial.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. No primeiro trimestre deste 2022 entregou xa 850.000 quilos de alimentos e grazas a distintos convenios de colaboración en vigor con varias cadeas de alimentación, ao longo do ano pasado, evitou que preto de 190.000 quilos de alimentos acabasen no lixo.