O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo mantivo unha reunión co alcalde

A Xunta e o Concello de Porto do Son analizan a posibilidade de tramitar o futuro polígono do municipio a través da nova Lei de áreas empresariais

O IGVS propuxo aos técnicos municipais que se faga a través dun Plan estruturante de ordenación de solo empresarial, figura creada ao abeiro desta normativa e que garante unha tramitación máis áxil e flexible do desenvolvemento de solo industrial

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022 O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, reuníronse recentemente para falar sobre o futuro polígono industrial do municipio e da forma máis axeitada de abordar a súa tramitación, aproveitando as posibilidades que ofrece a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, aprobada en outubro e que entrará en vigor o próximo 10 de novembro.

 

Durante a xuntanza, na que participaron tamén técnicos de ambos organismos, o rexedor presentou o avance do estudo de viabilidade do referido parque, que prevé desenvolver un ámbito de 90.000 metros cadrados e no que o propio concello actuará como promotor.

 

Ao respecto, Heriberto García propuxo realizar a tramitación do polígono industrial a través dun Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE), figura creada na nova lei co fin de garantir a axilización dos trámites da documentación e flexibilizar a súa aplicación, xa que este plan define as liñas básicas do parque e facilita a adaptación dos viarios e parcelas ás necesidades existentes no momento do seu desenvolvemento, permitindo incluso pequenos reaxustes no ámbito do polígono empresarial.

 

Con esta reunión péchanse os traballos previos ao inicio da tramitación urbanística do parque de Porto do Son, inseridos no marco do acordo entre o concello e o IGVS e en virtude do cal o organismo autonómico asesoraría tecnicamente ao Goberno local no desenvolvemento da futura área empresarial.

 
Ademais, persoal do IGVS seguirá colaborando na tramitación do referido plan estuturante, que deberá presentar o concello coruñés.

Imaxes relacionadas