A Xunta apoia ao sector turístico do Salnés con 35 axudas para aloxamentos e restaurantes por 714.000 € e 152 establecementos participantes no Bono Turístico

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destes dous programas de Turismo de Galicia na Casa da Muiñeira e Cambados, beneficiaria dunha achega de 15.000 para mellorar as súas instalacións cunha piscina exterior
 

A orde de axudas para mellora de establecementos beneficiou a 25 aloxamentos e 10 restaurantes da comarca de Sanxenxo (15), O Grove (14), Meaño (3) e tamén de Vilanova de Arousa, Cambados e Valga
 

O representante autonómico tamén animou a gozar ata o 31 de decembro da ampla oferta do Salnés no Bono Turístico 2022, “xa que é a comarca con máis participación de toda Galicia e supón máis do 16% do total”

Cambados, 3 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, segue a apoiar ao sector turístico da comarca do Salnés tanto a través da liña de axudas para mellora de aloxamentos e establecementos de restauración, que inxectou 714.000 euros en achegas para 35 negocios, como por medio do Bono Turístico Quedamos en Galicia 2022, que conta con 152 participantes desta bisbarra.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destes dous programas do Goberno galego esta mañá nunha visita a Casa da Muiñeira, no Concello de Cambados, que está adherido ao programa de descontos e incentivos turísticos e que tamén se beneficiou dunha axuda, neste caso de 15.000 euros, para mellorar as súas instalacións cunha piscina exterior ao abeiro da citada orde de subvencións.

 

“Galicia está de moda e segue de moda polo moito que temos que ofrecer nesta terra e pola calidade crecente e o emprendemento do noso sector turístico, cada vez máis profesionalizado e convertido en referencia mundial, pero tamén co grao de area que poñemos dende a Xunta con plans e axudas moi necesarios para contribuír á súa potenciación e que, no caso do Salnés como gran comarca embaixadora e polo de atracción líder, son moi necesarios e moi aproveitados”, sinalou Luis López.

 

Así, o representante autonómico detallou que houbo un total de 35 establecementos, 25 de aloxamentos e 10 de restauración, beneficiarios da orde de axudas para a súa mellora, o que supuxo unha contía global de 714.000 euros para seguir modernizando os seus servizos. Cómpre destacar que a meirande parte das axudas para o Salnés concentráronse nos municipios de Sanxenxo (15) e O Grove (14), aínda que tamén se apoiaron proxectos de Meaño (3) e Vilanova de Arousa, Cambados e Valga, con un en cada concello.

 

Bono Turístico 2022

Por outra banda, o delegado territorial tamén informou do estado do Bono Turístico Quedamos en Galicia 2022 agora que entra na súa recta final, posto que os case 7.000 beneficiarios dos seus descontos, do 40% da súa estadía ou experiencia, teñen de prazo para o seu uso ata o 31 de decembro.

 

“Queremos animar a todos os afortunados que se fixeron co bono turístico a que o empreguen e que gocen desta terra e, loxicamente, unha gran recomendación é toda a bisbarra arousana, un gran motor para este sector e que é a que conta con maior participación de toda Galicia, xa que ten 152 establecementos participantes, o que supón máis do 16% do total”, revelou Luis López, que desvelou que os 1,5 millóns de euros de achega da Xunta “permitirán mobilizar preto de 4 millóns de euros fóra dos meses da tempada alta, o cal ten unha importancia económica para este ramo”.

 
A distribución dos establecementos participantes do Salnés é a seguinte: Sanxenxo (72), O Grove (32), Vilagarcía de Arousa (13), Cambados (9), Vilanova de Arousa (8), Meaño (6), Meis (3), Catoira (3), A Illa de Arousa (2), Ribadumia (2) e Valga (2).

Imaxes relacionadas