Esta mañá, o delegado territorial inaugurou o novo obradoiro da Mancomunidade de Concellos de Celanova

Gabriel Alén maniféstalle aos alumnos – traballadores do obradoiro de emprego Terra de Benestar que trala súa formación seralle mais doado incorporarse ao mercado laboral

O delegado territorial explicou que no obradoiro de emprego Terra de Benestar a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 503.987 euros na formación de 20 alumnos – traballadores no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais

Os alumnos – traballadores desenvolverán a súa actuación na Residencia Nosa Señora do Mundil, en Cartelle

Gabriel Alén lembrou que a Xunta de Galicia financia 30 obradoiros duais de emprego en 81 municipios da provincia de Ourense e que supón a contratación de 600 alumnos – traballadores, aos que destina 15.236.610 euros
 

Ourense, 03 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Mancomunidade de Concellos de Celanova para, acompañado do seu presidente, Jaime Sousa, e resto de alcaldes, inaugurar o obradoiro de emprego Terra de Benestar, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 503.987 euros na formación de 20 alumnos – traballadores no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que desenvolverán a súa actuación na Residencia Nosa Señora do Mundil, en Cartelle.

O delegado territorial explicou a estes alumnos – traballadores que terán a tarefa de atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario na institución onde se desenvolva a súa actuación, aplicando as estratexias deseñadas polo equipo interdisciplinar competente e os procedementos para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións coa contorna.

Gabriel Alén destacou que trala formación teórico e práctica recibidas multiplícanse as expectativas de creación de novos empregos tanto no ámbito publico como privado e libérase man de obra hoxe apartada, total ou parcialmente, do mercado laboral, por estar dedicada ao coidado de persoas dependentes e que poderían incorporarse á vida laboral.

Por iso, o delegado territorial subliñoulle aos participantes que “cando rematedes este obradoiro disporedes dunha formación que vos facultará profesionalmente para atopar emprego de maneira máis doada”. Trátase –recalcou Gabriel Alén- dunha oportunidade que debedes aproveitar.

Os obradoiros duais de emprego

O delegado territorial lembrou que a Xunta de Galicia financia 30 obradoiros duais de emprego, un 7,14% máis que a convocatoria anterior (28), que se desenvolven en 81 municipios da provincia de Ourense, un 88% do total de concellos da provincia e supón a contratación de 600 alumnos – traballadores, un 8,69% máis, ca edición 21/22 (552), aos que destina 15.236.610 euros; case un 57% de incremento (9,6M de euros).

O delegado territorial explicou que isto débese ao esforzo da Xunta na ampliación do orzamento dedicado á convocatoria de axudas dos obradoiros duais emprego para 2022-2023 que se incrementa nun 16,2%, o que son máis de 7 millóns de euros co afán de poder resolver o 100% das solicitudes presentadas e que cumpriron cos requisitos. Así, o programa conta con 52,6 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a máis de 2.000 persoas sen emprego e poder implementar 101 obradoiros en toda Galicia.

Gabriel Alén sinalou que as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 12 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

É meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Para acceder a estes obradoiros priorizaránse ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son, entre outros, as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade.

Programa formativo

Apoio na organización de intervencións no ámbito institucional; apoio na recepción e acollida en institucións de persoas dependentes; apoio na organización de actividades para persoas dependentes en institución; intervención na atención hixiénico; intervención na atención sociosanitaria en institucións; apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa en institucións; animación social de persoas dependentes en institucións; mantemento e mellora das actividades diarias de persoas dependentes en institucións e técnicas de comunicación con persoas dependentes en institucións.

Imaxes relacionadas