O presidente da Xunta recibiu aos catro participantes que acudirán á Maratón de Nova York grazas ao Proxecto ENKI da Fundación Abrente

Rueda subliña que os concellos xa poden solicitar as axudas para implantar unidades de atención temperá para conseguir chegar aos 3.000 nenos atendidos

Salienta o reforzo do servizo grazas a que a Xunta consignou o orzamento máis alto da historia no eido da discapacidade con 165 M€ para 2023

O obxectivo é superar o medio centenar de unidades de atención temperá financiadas polo Goberno autonómico
 

Santiago, 2 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que desde hoxe está aberto o prazo para que os concellos ou agrupacións de municipios soliciten axudas para implantar unidades de atención temperá, dirixidas a nenos menores de 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou con risco de padecelos. Durante un encontro en Santiago con membros do Proxecto ENKI que leva a cabo a Fundación Abrente -entidade que traballa desde 2014 a prol da plena integración das persoas con diversidade funcional a través do deporte-, fixo fincapé na importancia de “traballar desde o principio” para mellorar a autonomía e calidade de vida dos nenos con discapacidade, algo que permiten estas unidades especializadas. 

O obxectivo da Xunta é superar o medio centenar de unidades de atención temperá financiadas pola Administración autonómica e chegar aos 3.000 nenos atendidos. Para iso, o Goberno galego destina 12 M€ a unha liña de axudas para que os concellos ofrezan este tipo de atención nos seus municipios. 

Rueda resaltou que este reforzo do servizo de atención temperá será posible grazas a que a Xunta aprobou o orzamento máis alto da súa historia no eido da discapacidade ao consignar 165 M€ para 2023, “o que supón un 16% máis que nos presupostos anteriores”. 

Tras o encontro con membros do Proxecto ENKI, entre eles os catro participantes que acudirán a Nova York para participar na Maratón e nas probas paralelas a esta competición, o presidente da Xunta destacou o gran traballo diario que realizan entidades como a Fundación Abrente e valorou o esforzo destes deportistas que “representarán a Galicia” na proba neoyorquina. Neste sentido, Rueda valorou o esforzo e vontade destes catro galegos por cumprir o seu soño de participar nesta competición deportiva. “É o soño de calquera deportista”, engadiu.

 

Imaxes relacionadas