Trenor anima os coruñeses a aproveitar o Bono Cultura da Xunta que contará cun millón de euros para beneficiar a 20.000 persoas
Resalta que o obxectivo desta medida que esgotou todos os vales é “botar unha man” ao sector e aos consumidores neste difícil contexto económico de subida de prezos
A iniciativa facilitará a participación do maior número de entidades posible, mellorando algúns requisitos e ampliando o teito de gasto que poden alcanzar
A Administración autonómica esgotou tamén nos primeiros días o Bono Comercio que destina 5M€ a este programa co que se prevé mobilizar 17 millóns de euros en vendas
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a libraría Gallardo para animar aos coruñeses a aproveitar os bonos da campaña do Bono Cultura da Xunta, medida que esgotou xa todos os vales e que se pode empregar desde hoxe ata o 31 de decembro. Na comarca do Barbanza están adheridos, a día de hoxe, 16 establecementos do total de 158 inscritos na provincia da Coruña.
Nova edición
A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos.
O delegado da Xunta recalcou que este bono é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan fronte ao que fan outras Administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos moi específicos”.
Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicou o venres no DOG. Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.
Beneficiarios
Desde hoxe, os usuarios poderán comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.
Bono Comercio
Os beneficiarios teñen agora ata o 31 de decembro para empregar os descontos nos establecementos adheridos, que son xa preto de 5.600 e que poden seguir sumándose ata o próximo 30 de novembro. A Coruña é a provincia con máis tendas inscritas ata a data, cun total de 2.109 negocios.
A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.