A Xunta somete a información pública o proxecto para executar dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido na comarca do Morrazo

Habilitarase un aparcadoiro disuasorio de 81 prazas na autovía do Morrazo e outro de 75 prazas na estrada PO-551 en Domaio, ambos os dous no concello de Moaña

O primeiro aparcadoiro será prolongación do existente na marxe dereita da estrada PO-551, no punto quilométrico 33+250; o segundo situarase no cruce do quilómetro 3 da autovía AG-46

Ambos os dous reservarán dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e disporán de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Morrazo.

 

A intervención proxectada pola Xunta céntranse na execución de dous aparcadoiros disuasorios: na autovía do Morrazo, na AG-46, e na estrada autonómica PO-551, en Domaio, ambos os dous ao paso polo concello de Moaña.

 

O primeiro aparcadoiro proxéctase como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada PO-551, no punto quilométrico 33+250. Contará cun total de 75 prazas, dúas delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, e con tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

O segundo aparcadoiro, situarase no cruce existente no punto quilométrico 3 da autovía do Morrazo, e contará cun total de 81 prazas, dúas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida, e tres con puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

O anuncio publicado hoxe no DOG tamén recolle a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización destas obras.

 

Todos as persoas interesadas poderán formular observacións ao proxecto durante 30 días hábiles, que comezarán a contar a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio publicado hoxe: https://acortar.link/Rzt1L7

 

O Goberno galego segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas. En conxunto, a Xunta ten previsto habilitar un total de 1.500 prazas de aparcadoiros disuasorios.

 

Estas intervencións enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades e vilas galegas, aos que destinará o vindeiro ano un investimento de 12,4 M€.