A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Zas de dous treitos das estradas AC-430 e AC-552 ao paso pola parroquia de Santa María de Baio

Transfírense o treito inicial de 180 metros de lonxitude da AC-430 e o tramo de case 500 metros da AC-552, entre o quilómetro 58 e o 58+440

Estes treitos teñen un tráfico de carácter local e urbano, sen funcionalidade dentro da rede de estradas da Xunta, que dispón da AG-55 e da VG-1.5 como alternativa viaria ao treito da AC-552 que atravesa o núcleo de Baio
A entidade local terá competencia para actuar nestas estradas e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022.-

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Zas de dous treitos nas estradas autonómicas AC-430 e AC-552, ao paso pola parroquia de Santa María de Baio.

 

O Concello de Zas solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade do treito inicial de 180 metros de lonxitude a AC-430, do punto quilométrico 0 ao 0+180,  e o tramo de case 500 metros de lonxitude da AC-552, entre o quilómetro 58 e o 58+440.

 

Trátase de dous tramos destas vías autonómicas que teñen un tráfico rodado de carácter local e urbano, sen funcionalidade dentro da rede de estradas da Xunta. Ademais, a AG-55 xunto coa VG-1.5 constitúen unha alternativa viaria ao treito da AC-552 que atravesa o núcleo de Baio.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, formula a proposta favorable de transferencia destes tramos das vías autonómicas.

 

A transferencia a prol do Concello de Zas tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

 

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 20 de outubro: https://acortar.link/YAIDY7 .

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello do Zas terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.