A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Mondariz de distintos treitos de estradas autonómicas e de sendas peonís ao paso polo municipio

Transfírense varios treitos antigos das estradas PO-254 e PO-262, o treito inicial da PO-261 e as sendas nas vías PO-262 e PO-431 na súa totalidade, xunto coa súa franxa de dominio público viario
 

Tamén se inclúe a transferencia do dominio público viario, a excepción da calzada e das beiravías, do treito final da estrada PO-262
 

O Concello asume a titularidade destes treitos e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Mondariz de distintos treitos de estradas autonómicas e de sendas peonís ao paso polo municipio.

 

Concretamente, transfírese a titularidade de varios treitos antigos das estradas PO-254 e PO-262, do treito inicial da estrada PO-261 e dunhas sendas peonís nas vías PO-262 e PO-431 na súa totalidade, xunto coa súa franxa de dominio público viario.

 

Ademais, inclúese a transferencia do dominio público viario, a excepción da calzada e das beiravías, do treito final da PO-262.

 

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 20 de outubro: https://acortar.link/YGvvVM  

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello do Mondariz terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.