A Xunta instala un punto de información contra as agresións sexuais no recinto da Feira de Todos os Santos de Monterroso

O Goberno galego está a desenvolver a campaña ‘Agresión Off’ dirixida a formar e informar contra a violencia sexual en feiras, festas, festivais, concentracións turísticas e outras citas nas que se congregue un amplo número de persoas
 

Concellos das catro provincias xa solicitaron a súa adhesión a esta iniciativa que busca sensibilizar á xente máis nova e prevela ante posibles ataques
 

Monterroso (Lugo), 1 de novembro de 2022

  A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o punto de información contra as agresións sexuais de Monterroso, que forma parte da campaña Agresión Off dirixida a formar e informar contra a violencia sexual. O Goberno galego manterá aberto entre as 8,00 h. e as 15,00 horas o seu stand no recinto da Feira de Todos os Santos desta localidade luguesa, co obxectivo de poder achegar as súas mensaxes á poboación máis nova.

A Xunta de Galicia está a desenvolver unha nova edición da campaña Agresión Off para sensibilizar á cidadanía contra das violencias sexuais, e outorgarlle a información necesaria para facerlle fronte. Desde o pasado 26 de setembro, o Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a instalar puntos de información pública en feiras, festivais, concertos e eventos que se celebran por toda Galicia co obxectivo de chegar ás mozas e mozos que se congregan nos mesmos.

O obxectivo é chegar ata final de ano a instalar estes dispositivos en medio centenar de eventos que se celebran en concellos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. No caso da provincia de Lugo, ademais de Monterroso, outros 4 concellos solicitaron a súa presenza ata o próximo decembro. Trátase de Burela (16 de novembro), Palas de Rei (25 de novembro), Sober (12 de decembro) e Sarria (16 de decembro).

Os stands ofrecen actividades lúdico formativas con dinámicas de participación activa a través do xogo con materiais pedagóxicos de igualdade e talleres dirixidas tanto a persoas adultas como menores de idade.

A Xunta avoga pola presenza destes puntos en citas con ampla asistencia de público para chegar ás persoas novas e incidir na súa sensibilización sobre actitudes igualitarias tanto nas relacións sociais como de parella. Quérese facer énfase na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres e promover modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

As accións de información, deste modo, lévanse a cabo nos horarios de maior afluencia de público. A Xunta aspira a que estes espazos informativos se convertan en  puntos de referencia na información especializada sobre estas lacras.

Imaxes relacionadas