A Xunta activa o plan de vialidade invernal en Ourense con 83 profesionais e 2.000 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas vías autonómicas

O plan, en servizo desde hoxe, mobiliza nesta provincia un dispositivo de 46 máquinas, entre elas camións, pick-up, cuñas ou esparexedores de sal, para reforzar a seguridade viaria ante os episodios de xeo e neve


Estes recursos están distribuídos en 6 centros operativos, e permitirán atender os algo máis de 1.000 km de estradas da Xunta na provincia, onde case 450 km son especialmente susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo


A Xunta desenvolve entre o 1 de novembro de 30 de abril o Plan de vialidade invernal cun amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade
 

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022

A Xunta activou hoxe o Plan de vialidade invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 83 profesionais e 2.000 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.

 

Os seis centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecerán en servizo desde hoxe, día 1 de novembro e ata o vindeiro 30 de abril. Deste xeito, a Xunta opera a través dos centros e subcentros de Ourense cidade, Celanova, Verín e A Rúa.

 

O Plan inclúe na provincia de Ourense un dispositivo de 46 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.

 

Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos algo máis de 1.000 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa. Dentro deses 1.000 km da rede da provincia, prestarase especial atención aos case 450 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

 

O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.

 

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 390 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas da Xunta, con 80 vehículos e máis de 100 accesorios a disposición. Ademais, mobilízanse preto de 5.400 toneladas de fundentes, 200 máis que o ano anterior.

 

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

 

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

 

Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.

 

O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.