O conselleiro do Medio Rural debullou no Parlamento o próximo presuposto do seu departamento, que sobe máis dun 5% con respecto a este 2022 ata superar os 679 millóns

A consellería do Medio Rural contará en 2023 co orzamento máis alto da súa historia para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade

Na prevención e defensa do monte, investiranse 14,9 millóns en medios do servizo antiincendios, 14,8 millóns en infraestruturas preventivas e 1,5 millóns nun novo grupo especializado na loita contra os grandes lumes forestais, entre outras accións

Así mesmo, haberá máis de 20 millóns de euros para silvicultura, case 9 millóns para establecer e manter a superficie forestal, 5,4 millóns máis para tecnoloxías forestais ou 2,4 millóns para actividades de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal

Canto á recuperación, destinaranse case 20 millóns de euros ao Plan de mellora de camiños municipais, ata 9,9 millóns a proxectos e obras de polígonos agroforestais e aldeas modelo ou 3,8 millóns ao impulso de actividades non agrícolas

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, debullou hoxe no Parlamento galego as partidas presupostarias do seu departamento para o ano vindeiro, destacando que o orzamento global se incrementa máis dun 5% con respecto a este 2022 ata converterse nas meirandes contas da historia desta Consellería, co obxectivo de consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade. En concreto, segundo dixo José González, o orzamento de Medio Rural para 2023 ascenderá aos 679.171.735 euros.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse ao tempo, á enerxía e á planificación como a esencia filosófica destes orzamentos, explicando que cada cometido require dos seus prazos para facerse realidade, apelando á importancia de combinar capital económico e humano e poñendo de relevo a necesidade dunha planificación integral que resista ante os imprevistos. Nesa liña, avanzou que en 2023 entrará no Parlamento a Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia -clave no campo da prevención- e materializarase a nova Lei da calidade alimentaria -vital para a calidade-, ao tempo que se consolidará a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria -folla de ruta da recuperación-. Tamén nomeou as accións definidas na 1ª revisión do Plan Forestal 2021-2040, o Plan de pastos que está a piques de cumprir a súa segunda fase, así como as Estratexias sectoriais, coa próxima presentación da que buscará dinamizar o eido da carne no horizonte, tras ter xa en marcha as do leite e do viño. Neste punto, lembrou que a semana pasada se lanzou unha campaña a nivel nacional para potenciar o consumo dos produtos co selo de Ternera Gallega Suprema, cun investimento de 1,4 millóns de euros aportado entre a Xunta e o seu consello regulador.

Entre os grandes obxectivos para o ano vindeiro, o titular de Medio Rural destacou os máis de 6 millóns de euros previstos entre 2023 e 2024 para o Plan integral de reestruturación e optimización da rede de oficinas agrarias comarcais, salientando os 2,8 millóns para as instalacións de Lugo unha vez se redacte o proxecto o ano que vén e os 3,7 millóns para as de Lalín. De cara ao incremento da competitividade das explotacións galegas, resaltou os 54,8 millóns reservados para plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións -que inclúen fondos destinados á xente nova financiados con Feader EURI-; os máis de 30 millóns de euros en axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios; os 14,2 millóns para programas sanitarios, de prevención e loita contra pragas ou os preto de 9 millóns para o establecemento e mantemento da superficie forestal galega. Anunciou tamén novas achegas, como os 200.000 euros para a compra de forraxes daquelas explotacións prexudicadas pola rata toupa.

Afondando na profesionalización e innovación, José González tivo unha mención especial para distintas liñas da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), recentemente adscrita á Consellería do Medio Rural. Así, destinará 5,4 millóns de euros a investimentos para a construción de tecnoloxías forestais, 2,4 millóns -un 71% máis que este ano- a axudas ás actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, entre outras accións.

Prevención

Neste capítulo que aglutina investimentos das direccións xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, o conselleiro do Medio Rural destacou que se investirán uns 14,9 millóns de euros en medios do servizo antiincendios, que inclúen 5 millóns para adquirir 20 tractores-cisterna, 3,8 millóns para motobombas, 2,9 millóns máis para os equipamentos de inverno e verán do dispositivo, 2 millóns para equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores e 1,2 millóns para contar con 137 vehículos pick-up novos a disposición das brigadas de seis meses.

 

Así mesmo, haberá ata 14,8 millóns de euros para a construción e mellora de infraestruturas preventivas, que comprenden 3,8 millóns para unha nova base de helicópteros en Lalín e para mellorar a de San Xoán de Río; 1,7 millóns para tres novas bases de unidades operativas (denominadas BUO) en Muíños, Rianxo e Mondoñedo; 1,3 millóns para converter a nave do polígono industrial lalinense de Botos nun taller e nave de almacenamento integral do Servizo e 600.000 euros para rematar a base e o distrito forestal de Verín.

 

Ademais, cun investimento de 700.000 euros ampliarase o catálogo de accións do Plan de formación do persoal antiincendios e, segundo salientou o conselleiro, cunha partida de 1,5 millóns crearase un novo grupo formado por profesionais especializados en grandes incendios para a loita contra esta nova tipoloxía de lumes que afecta a nosa comunidade.

 

No eido forestal, o titular de Medio Rural salientou os 14,7 millóns de euros que se dirixirán á silvicultura preventiva, así como outros 5,7 millóns para outros traballos silvícolas. Tamén os 4,8 millóns destinados a impulsar o castiñeiro, con 3,8 millóns reservados para novas plantacións e a restauración de soutos e 1 millón para accións modelo de xestión conxunta de cara á mellora dos soutos tradicionais. A estes apartados hai que sumar 150.000 euros máis que a XERA reservará para a valorización da madeira das masas de frondosas caducifolias.  

 

Recuperación

Neste campo, o conselleiro referiuse aos 19,7 millóns de euros que financiarán o ano que vén o Plan de mellora de camiños municipais -un 80% máis que neste 2022-, aos 17 millóns para traballar nas zonas de concentración parcelaria, dentro dos cales resaltou especificamente os 6 millóns de euros para o arranxo de pistas nestas zonas. Así mesmo, destacou os 9,9 millóns para a elaboración de proxectos e a realización de obras de polígonos agroforestais e aldeas modelo, sinalando que se creará unha nova liña de axudas para a elaboración dos Plans de dinamización das aldeas dotada con 1,1 millóns.

 

Na súa alocución tamén nomeou os 3,8 millóns dirixidos á creación e ao desenvolvemento de actividades non agrícolas ou os 2,3 millóns de euros destinados a regadíos. No eido da cooperación, mentres, sinalou que a iniciativa Leader contará cun total de 10,7 millóns de euros para a implementación de actuacións dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) en todo o territorio galego.

 

Calidade

No relativo a este bloque, o conselleiro aludiu aos máis de 6,6 millóns de euros para proxectos de grupos operativos e de innovación agroforestal, repartidos en 3,6 millóns -un millón máis que neste 2022– para continuar reforzando a participación do sector privado na investigación e en máis de 3 millóns para iniciativas innovadoras como proxectos piloto e novos procesos e tecnoloxías. Tamén se referiu aos 5,4 millóns que se investirán en promoción dos produtos de calidade no vindeiro 2023, unha semana despois de terse clausurado -segundo recordou- a II edición de “Galicia Etiqueta Calidade”. Así,  contémplanse partidas como os 1,5 millóns para accións como feiras, máis de 1 millón para campañas de promoción ou os máis de 500.000 euros para o impulso de ciclos curtos a través do mercado dixital oficial posto en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

No eido investigador e formativo, apuntou os 4,7 millóns de euros para o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, no marco do proxecto “Espello do Rural”–; a mellora do Banco de Xermoplasma no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) por 3,4 millóns de euros de orzamento ou os 1,5 millóns para accións de transferencia de coñecemento. Nesa liña, cabe sinalar tamén os 300.000 euros que presuposta a Axencia Galega da Industria Forestal a prol da rehabilitación integral do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán.

Canto á protección dos produtos de calidade diferenciada, cabe sinalar os máis de 8,5 millóns de euros previstos para apoiar o sector vitivinícola ou os 1,3 para o eido apícola, ademais de partidas como os 500.000 euros para a mellora da calidade produtiva dos animais ou os 480.000 euros para a mellora da calidade e a trazabilidade dos sectores gandeiros. Por último, cómpre apuntar os 400.000 euros para o desenvolvemento da lonxa agropecuaria dixital, que permitirá incrementar de forma determinante a profesionalidade do sector gandeiro.