A Xunta defende a conservación do patrimonio natural a través de iniciativas culturais co apoio do programa ‘O teu xacobeo’
A delegada da Xunta en Vigo participou este luns na presentación dos resultados de 'Stop and help!', que o lixo non chegue ao mar”
O proxecto posto en marcha polo Colexio Oficial de Biólogos creou unha obra de arte cos refugallos recollidos no Camiño da Costa
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na presentación dos resultados de Stop and help!, que o lixo non chegue ao mar, un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que forma parte do programa 'O teu Xacobeo'.
Fernández-Tapias defendeu a conciencia social sobre o problema que sofre o planeta debido aos refugallos mariños. “A nosa obriga é, tal e como explicades hoxe, que o lixo non chegue ao mar nesta marabillosa zona pola que transitan miles de peregrinos”, sinalou. Ademais, salientou o programa “O Teu Xacobeo”, iniciativa coa que a Xunta de Galicia diversificou, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, a importancia do Camiño de Santiago.
Case 200 voluntarios
Segundo relataron desde o Colexio de Biólogos, foron preto de 200 as persoas voluntarias que colaboraron nas diferentes actuacións de retirada de refugallos mariños nos concellos de A Guarda, o Rosal, Baiona e Nigrán.
“Mundo lixo”
A xornada completouse coa presentación dunha obra de arte dirixida por Carme Hermo en colaboración con Antón Sobral e realizada polas alumnas e alumnos de primeiro curso do Bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Con parte dos residuos recollidos durante as diferentes actuacións de limpeza, crearon unha peza titulada “Mundo lixo”, que ficará exposta no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, no edificio Cambón, coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas nefastas consecuencias sobre o medio ambiente.