A Xunta inviste preto de 130.000 euros en achegas para mellorar os equipamentos e as infraestruturas dos establecementos hostaleiros de Ferrolterra

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Pazo do Monte, un dos negocios beneficiarios dunha achega para reformar as instalacións e adquirir nova maquinaria

Ferrol, 31 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia inviste preto de 130.000 euros en axudas para mellorar os equipamentos e as infraestruturas dos establecementos hostaleiros de Ferrolterra. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá un dos negocios beneficiarios destas convocatorias de Turismo de Galicia, o Pazo do Monte.

 

Acompañada do xerente das instalacións, Alberto Moreno, a representante do Goberno galego supervisou os traballos levados a cabo cun apoio autonómico de preto de 23.000 euros da que se destinaron á reforma das instalacións e á adquisición de nova maquinaria.

 

A achega inclúese na liña de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración dotada de 2 M€. Deses, 28.000 euros foron inxectados nas comarcas de Ferrol e Eume.

 

Xunto a esta convocatoria, Turismo de Galicia resolveu recentemente a liña destinada á adquisición de equipamentos poscovid que deixou en negocios de Ferrol, Eume e Ortegal axudas por valor de 100.000 euros. O orzamento da convocatoria ascendeu a 3M€.

 

Con este novo pulo económico a Xunta de Galicia continua a apoiar economicamente aos establecementos turísticos e de restauración galegos como un dos alicientes de comercialización do destino Galicia, consciente de que son un dos segmentos que máis sufriron coa crise.

 

Imaxes relacionadas