A secretaria xeral técnica da área, María Francisca Gómez, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos

Os Orzamentos da Consellería de Política Social e Xuventude para 2023 suben un 16% e superan a cifra récord dos 1077 M€

Supón o dobre de fondos que os destinados a competencias desta área en 2009 e permitirá blindar os servizos sociais, así como reforzar a atención ás persoas en situación de desprotección ou en risco de padecela
 

Aprobarase unha nova axuda inmediata e directa para atender ás persoas diagnosticadas con ELA, á que se dedicará unha partida de 3,2 M€
 

Crearanse as primeiras unidades de coidados intermedios, dentro do novo modelo galego de coidados, ás que se destinará un orzamento de 4 M€
 

Inclúense 55 M€ para a implantación da gratuidade de todas as escolas infantís e crearanse novas prazas de 0-3 anos
 

Elévanse nun 8% as contías da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social, e nun 5% o complemento autonómico ás Pensións Non Contributivas
 

O complemento ao bono social térmico aumenta nun 50% ata os 150 euros por beneficiario
 

As partidas de Xuventude, Participación e Voluntariado suben nun 6% ata os 19,6 M€
 

A Consellería duplica o seu presuposto ata a os 75,6 M€ para a creación de novos centros de servizos sociais nos que se inclúen as ordes para a construción de centros de titularidade municipal, entidades sociais ou escolas infantís

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022 O orzamento da Consellería de Política Social e Xuventude para 2023 ascende a 1077 millóns de euros, un 16% máis con respecto ás contas do presente exercicio. Esta cifra supón o dobre de fondos que os destinados a competencias desta área no ano 2009 e permitirá blindar os servizos sociais, así como reforzar a atención ás persoas en situación de desprotección ou en risco de padecela.

 

A secretaria xeral técnica da Consellería foi a encargada de detallar as contas deste departamento para o vindeiro exercicio na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, ante a baixa por maternidade da súa titular, Fabiola García. Na súa intervención, anunciou que as contas do vindeiro exercicio destinarán 438 millóns para a atención a maiores, un 4% máis que a contía reservada para a esta materia durante o ano 2022. Este incremento permitirá reforzar os programas xa existentes, así como implantar medidas novidosas que axuden ás persoas maiores a vivir onde e como prefiran.

 

Entre estas novidades están as axudas anunciadas a semana pasada polo presidente da Xunta para persoas diagnosticada con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Neste sentido, resérvanse 3,2 millóns de euros para axudar aos doentes deste enfermidade, altamente incapacitante e sen cura, a facer fronte dos gastos derivados do seu coidado e atención.

 

Coidados de proximidade

Así mesmo, estes orzamentos permitirán seguir apostando por servizos de proximidade como a Teleasistencia, que se incrementa nun 55% ata os 11,5 millóns de euros; as casas do maior existentes por toda a Comunidade, para as que se destinan 3,9 millóns de euros; ou o programa de Coidados porta a porta, que continuará o seu percorrido por todo o territorio galego, e que disporá de 4,8 millóns de euros.

 

Aínda no ámbito de maiores e atención sociosanitaria, seguirase a desenvolver o novo modelo de coidados de Galicia coa creación dos primeiros centros de coidados intermedios aos que se destinarán 4 millóns de euros. Neles, atenderase ás persoas que xa recibiron a alta médica pero seguen requirindo coidados especializados.

 

Gratuidade escolas infantís

As partidas de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica suben un 36% para sumar un montante total de 229,3 millóns de euros. Este importante aumento responde, principalmente, a que o 2023 será o primeiro ano no que se aplique a gratuidade da atención educativa no conxunto das escolas infantís de Galicia para todos os fillos e durante todo o curso. Esta medida púxose en marcha o pasado mes de setembro co inicio do curso escolar e á mesma destínanse 55 millóns de euros, beneficiando a unhas 31.000 familias galegas.

 

Ademais de coa gratuidade, o compromiso do Goberno galego coa etapa educativa de 0 a 3 anos e con facilitar a conciliación das familias tamén ten o seu reflexo nos fondos que se reservan para a creación de novas prazas en escolas infantís de titularidade municipal; así como nas axudas para o mantemento e reforzo das 95 casas niño actualmente en funcionamento nos concellos menos poboados.

 

Reforzo da Tarxeta Benvida

Así mesmo, contémplase unha partida de 31,5 millóns de euros para a Tarxeta Benvida, axuda directa ás familias para que poidan facer fronte aos gastos básicos polo nacemento dun bebé, a cal se reforza ata os 3000 euros anuais e amplíase ata os catro anos do fillo no caso daqueles fogares especialmente vulnerables. Tamén se duplica o presuposto para o Bono Coidado, chegando ata o millón de euros, co fin de cubrir as necesidades puntuais de conciliación dun maior número de familias.

 

No ámbito da atención á infancia, os orzamentos inclúen como novidade a aprobación do primeiro Plan de Impulso ao Acollemento Familiar de Galicia, que suporá incrementar as axudas que reciben estas familias nun 20% e, para tal fin, contará cun millón de euros máis. Esta aposta polo acollemento familiar tradúcese nos orzamentos nunha partida total que acadará os 6,2 millóns de euros.

 

Máis axudas de inclusión social

Con respecto á inclusión social, o Goberno galego elevará a súa inversión ata os 148,5 millóns de euros, un 25% máis que este ano. Isto permitirá aumentar nun 8% a contía da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e das Axudas de Inclusión Social (AIS). Para a renda autonómica resérvanse o vindeiro ano 46,7 millóns de euros, mentres que as axudas de emerxencia social contarán con 5 millóns de euros, un 25% máis que este ano.

 

Así mesmo, tamén se vai elevar nun 5% o complemento autonómico ás Pensións Non Contributivas (PNCs) ao que se destinará máis de 8 millóns de euros. Por outra parte, incrementarase nun 50% o complemento autonómico do Bono Social Térmico, que pasará dos 100 aos 150 euros por fogar. Deste xeito, a Xunta busca axudar aos fogares máis vulnerables ante o incremento do prezo da enerxía no conxunto do Estado.

 

Colaboración coas entidades sociais

Por outra parte, a Xunta destinará o vindeiro ano á atención á discapacidade 165,2 millóns de euros, o que supón unha subida do 16,3% con respecto ao exercicio actual. Con este incremento volverase a reforzar a Rede galega de atención temperá, á que se destinarán 5,6 millóns de euros; e concederanse máis axudas ás entidades do terceiro sector.

 

Así, as contas recollen 12,8 millóns para a sustentabilidade financeira destas organizacións, un 37% máis que este ano. Trátase dunha partida que permitirá aprobar un incremento salarial dos seus traballadores. Tamén se contemplan 6,2 millóns de euros con cargo á casilla social do IRPF e a nova orde para a obtención de vehículos adaptados, que disporá de 3,6 millóns de euros.

 

Por último, seguirase incrementando o número de prazas públicas de atención diúrna e residencial para persoas con discapacidade, unha cifra que creceu desde o ano 2009 nun 30% ata acadar as 5800 e que no vindeiro ano se poderán crear en réxime de concerto, tal e como fora comprometido co sector.

 

Oferta para a xuventude

Finalmente, o Goberno galego incrementará un 6%, ata os 19,6 millóns de euros, os fondos destinados á area de Xuventude, Participación e Voluntariado. Con este aumento poderanse reforzar todas aquelas medidas innovadoras postas en marcha nos últimos anos para beneficiar á mocidade galega como as axudas para a obtención do carné de conducir, ás que se destinan 800.000 euros; o programa Iniciativa Xove, que contará cun orzamento de 400.000 euros; ou o Xuventude Mentoring, ao que se ten orzamentado 1 millón de euros.

 

Ademais, o goberno galego reforzará a campaña de verán de 2023 cun orzamento de 4 millóns de euros e continuará fomentando aqueles programas de voluntariado como o de Talento Interxeracional, impulsado por vez primeira este mesmo ano. Esta iniciativa contará cunha partida de 1,4 millóns de euros e permite que profesionais veteranos poidan guiar aos mozos que se inician no mundo laboral.

 

Ordes para a creación de novos centros

A Consellería de Política Social e Xuventude duplica tamén o seu orzamento ata os 75,6 millóns para a reforma e creación de novos centros. Nestes fondos inclúense as ordes para a rehabilitación ou construción de centros de servizos sociais de titularidade municipal, dotadas de 18 millóns de euros;  a orde para a posta en marcha de centros pertencentes a entidades sociais, que contará con 6 millóns de euros; ou para a ampliación ou creación de escolas infantís municipais, para o que se investirán 13,7 millóns de euros o ano que vén.

 
Así mesmo, inclúense fondos para a construción de tres novos centros de servizos sociais: a nova residencia pública autonómica de Antas de Ulla, a residencia piloto de Ribeira e o Centro de Atención á Discapacidade de Ourense. Fóra deste orzamento, o vindeiro ano tamén se finalizarán dúas das residencias que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega e que pasarán a formar parte da rede pública autonómica.

Imaxes relacionadas