A Xunta adxudica as obras para reformar a praza da Constitución, a zona do mercado e a contorna da biblioteca municipal de Bande

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2022

A Xunta vén de adxudicar as obras para levar a cabo melloras urbanísticas na praza da Constitución, na zona do mercado e na contorna da biblioteca municipal de Bande por máis de 90.000 euros.

 

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

 

Para iso, o proxecto centrarase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras incluirán o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

 

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.

 

O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

 

Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas. Dese total, na provincia de Ourense leváronse a cabo 166 actuacións en 68 concellos.