A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistiu hoxe en Castro de Rei á última xornada desta competición e do XXXV Campionato galego de caza menor con can

A Xunta participa na clausura do primeiro campionato de caza menor feminino e adaptado que se celebra en Galicia

Castro de Rei, 29 de outubro de 2022

  A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou hoxe no municipio lucense de Castro de Rei no acto de clausura e entrega de premios do XXXV Campionato galego de caza menor con can e do Campionato de caza menor feminino e adaptado, o primeiro destas características que se realiza en Galicia.

 

Neste sentido, Do Campo felicitou á Federación Galega de Caza, organizadora do evento, por promover este ano, por primeira vez, a celebración dunha competición concibida para a participación de mulleres e persoas con algún tipo de discapacidade, unha iniciativa que enmarcou nos esforzos do sector por renovarse e seguir sumando afeccionados na Comunidade.

 

Así mesmo, tamén salientou a importancia do Campionato galego de caza menor con can, que cumpre 35 anos desde a súa primeira edición e é xa unha das probas cinexéticas máis consolidadas da Comunidade, como demostra a alta participación que rexistra. De feito, este ano hai 22 persoas inscritas procedentes das catro provincias.