Lete destaca a Galicia e Pontevedra como as “capitais mundiais do piragüismo” no Congreso internacional de adestradores, slalom e kaiak polo

Destaca aos adestradores do CGTD Daniel Brage, Daniel Costa, Alejandro Conde ou Manuel Freiría; lembra os éxitos internacionais do slalom galego con Ainhoa Lameiro, Luis Fernández e Manuel Ochoa; e incide no grande nivel do kaiak polo galego con deportistas como Samuel Pardavila, Alejandro Casal e Marta Canosa

Pontevedra, 28 de outubro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na inauguración do VIII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüísmo de Augas Tranquilas, II Congreso Internacional de Slalom e I Congreso de Kayak Polo que terá lugar do 28 ao 30 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Lete Lasa asegurou que o piragüismo “é un dos maiores responsables, senón o maior, dos magníficos datos do deporte galego como demostran as preto de 6.000 licenzas coas que Galicia é líder nacional en practicantes e en número de clubs; a manchea de medallas acadadas polos padexeiros galegos neste verán; o investimento no convenio anual coa Federación Galega de Piragüismo que a acreditan como a federación con maior financiamento; a subida do 5% no convenio para o mantemento do Centro de Regatas David Cal de Verducido ou a recente aprobación do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado do Club Kaiak Tudense”. Neste sentido, destacou a Galicia e a Pontevedra, como “as capitais mundiais do piragüismo”.

Diante dos relatores de recoñecido prestixio nacional e internacional de nove países -que outorgarán 28 conferencias de augas tranquilas, seis de slalom, cinco de kaiak polo, dous talleres simultáneos de augas tranquilas e un taller práctico de kaiak polo-, Lete Lasa tamén falou da importancia que os adestradores, as augas bravas e o kaiak polo teñen no éxito do piragüismo galego, porque “neses tres ámbitos tamén somos unha potencia”.

Neste sentido destacou o traballo dos adestradores que se desempeñan no CGTD e en Verducido, responsables de moitas das medallas que acadan os deportistas galegos. Neste sentido destacou a Daniel Costa, Alejandro Conde, Manuel Freiria ou Daniel Brage, adestrador dunha das mellores padexeiras da nosa historia como Teresa Portela. Ademais, Lete Lasa lembrou ao falecido Suso Morlán, adestrador de David Cal, e que o 5 de outubro recibía a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia a titulo póstumo. 

No que atinxe ao slalom, o responsable do Deporte Galego subliñou o esforzo do Goberno galego pola análise e o estudio para emprazar canles de augas bravas en Galicia, un traballo que camiña de xeito paralelo aos grandes triunfos internacionais de deportistas como Ainhoa Lameiro, Luis Fernández ou Manuel Ochoa, que animan a seguir avanzando a outros máis novos como Daniel Pérez ou Mario Otero.

Respecto ao kaiak polo, un deporte quizais menos coñecido, Lete Lasa tamén reivindicou o potencial galego que conta con deportistas internacionais como Samuel Pardavila e Alejandro Casal, que neste verán acadaron unha medalla de bronce nos Xogos Mundiais de Alabama (Birmingham) e unha medalla de prata no Campionato do Mundo de Piragüismo de Kaiak. Un campionato no que Marta Canosa participaba tamén na primeira medalla do kaiak polo feminino español acadando un bronce sub-23.

 

 

Imaxes relacionadas