Lorenzana presenta as contas expansivas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que crecen un 13,5 % ata acadar os 432 M€

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou que as contas están pensadas para abrazar “máis e mellor emprego” en Galicia e acadar a igualdade real e efectiva para unha comunidade “libre de violencia”

Vinte de cada cen euros do orzamento destinaranse a apoiar o emprendemento e o traballo autónomo recibirá 57 M€ do investimento

A partida para mellorar a formación laboral e a orientación de galegas e galegos superará os 200 millóns de euros, unha alza do 9,6 % respecto de 2022

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento de Galicia o orzamento “expansivo” desta área que crece un 13,52 %, ata os 431,55 millóns de euros, co obxectivo de seguir a senda de “máis e mellor emprego” na Comunidade e acadar unha “igualdade real e efectiva para unha Galicia libre de violencia”.

As contas, as mellor dotadas para esta área na serie histórica, permitirán seguir a desenvolver o potencial da estratexia Xempre Contigo, ao situar no centro ás persoas e aos sectores e empresas máis afectadas polo actual contexto socioeconómico.

Seguirase, así, a traballar para facer máis accesible, próximo e dinámico o Servizo de Emprego de Galicia. A Xunta quere ofrecer novas oportunidades laborais a quen se atope en situación de desemprego e mellorar as das persoas traballadoras ocupadas, a través da formación. Lorenzana anunciou que o seu departamento seguirá a apoiar o tecido empresarial -para que poida xerar máis e mellor emprego, incrementar a súa produtividade e conseguir un crecemento sostible- e a fomentar o emprendemento vencellado ao territorio, o traballo autónomo e a economía social.

Vinte de cada cen euros do orzamento da Consellería destinaranse a apoiar o emprendemento (18,2 M€) e o traballo autónomo (57 M€). A economía social, un sector que non deixa de crecer en Galicia e que recibirá 42,3 M€, un 21 % máis que en 2022.

A Xunta promoverá o novo programa Impacto Autónomo (30 M€) que quixo destacar a conselleira e que está deseñado ad hoc para que as persoas traballadoras autónomas poidan facer fronte e minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e enerxéticos “que afectan e condicionan a súa actividade económica”.

Cualificación para o retorno e microformacións

A partida destinada á formación para o emprego e a orientación laboral chegará ata os 202,2 millóns de euros. Crece un 9,6 %, para, entre outros obxectivos, dar continuidade á Axenda Galega de Capacidades para o Emprego (3,2 M€) como conectora entre as necesidades de man de obra do tecido empresarial e as persoas traballadoras. O novo Plan Galego de Formación para o Emprego suporá máis de 104 M€.

Lorenzana anunciou o lanzamento o ano que vén do novo programa Retorna Cualifica con 4,5 M€ que nace coa intención de acadar, a través da formación profesional, a volta e retención do talento de galegas e galegos emigrados.

A comunidade será a primeira en ofrecer, a partires do próximo ano, microformacións dirixidas a acreditar competencias específicas -unha medida “recomendada” pola Unión Europea, especificou a conselleira, e pioneira no conxunto de España- coas que se quere dar resposta á necesidade de formación para enfrontar, entre outros retos, a dobre transición dixital e verde, favorecendo a mellora da empregabilidade.

Tal e como destacou a representante da Xunta, noutro eido de cousas, a igualdade e o benestar laboral seguirán a ser atendidos “de xeito intenso”, destinándose este 2023 un total de 16,8 millóns de euros para o fomento e apoio de medidas de conciliación e corresponsabilidade, igualdade e benestar laboral.

Igualdade

A conselleira referendou o “sólido compromiso” que o actual Goberno galego leva demostrando nos últimos anos a prol da igualdade, unha área que ve incrementada a súa dotación nun 41,4 % ata os 44,5 millóns de euros. Reforzarase, así, a loita contra a violencia de xénero -que contará con 20,5 millóns, un 14,7 % máis que en 2021- co obxectivo de inxectar máis recursos e prestacións para as vítimas.

Lorenzana anunciou unha modificación da lexislación autonómica, coa que Galicia recoñecerá ás vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, co que poderán acceder nas mesmas condicións aos apoios económicos e doutra índole artellados para aquelas. 

A partida para promoción da igualdade experimenta un crecemento do 76 %, ata os case 24 millóns, para apoiar, entre outras medidas, aos Centros de Información á Muller, que proporcionan atención, lembrou Lorenzana, a 193 concellos e dispensan servizo a unhas 9.500 mulleres ao ano.

Imaxes relacionadas