A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia

A Xunta destinará 2,64 M€ en 2023 a mellorar o servizo galego de meteoroloxía e a rede de observación ambiental

Ángeles Vázquez explica que o Laboratorio de Medio Ambiente contará o vindeiro ano con ao redor de 1,6 M€ de financiamento

A Coruña, 28 de outubro de 2022

A Xunta destinará 2,64 millóns de euros en 2023 a mellorar o servizo galego de meteoroloxía e a rede de observación ambiental, que, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, permitirá actuar en ámbitos como a rede de observación ambiental, a prevención de riscos e a análise sectorial de adaptación ao cambio climático.

 

Tras o percorrido polas instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, na que estivo acompañada pola súa directora, María Luz Macho, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e Ángeles Vázquez incidiu en que, en concreto, este centro de referencia que cumpre este ano o seu 30 aniversario contará en 2023 con ao redor de 1,6 millóns de euros de financiamento.

 

Ademais do investimento en equipamento que permita seguir ofrecendo un “servizo fundamental”, o orzamento do vindeiro inclúe unha partida para levar a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética co obxectivo de reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 30%. “Temos que dar exemplo desde a Administración, a enerxía ten que ser limpa e iso é o que queremos conseguir neste Laboratorio”, aseverou a conselleira.

 

Cómpre lembrar que o Laboratorio de Medio Ambiente, integrado organicamente como servizo da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, conta con máis de 40 empregados, repartidos nas súas sedes da Coruña e Pontevedra, situándose na primeira a área do traballo de control de emisións a atmosfera, mentres que as tarefas de laboratorio para análise e toma de mostras se realizan nas dúas localizacións.

 

Entre as principais funcións deste centro salientan o soporte analítico das actuacións da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e a posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais. En concreto, o laboratorio da Coruña céntrase nas análises químicas necesarias para avaliar o estado químico das augas naturais e para coñecer a composición do material particulado do aire ambiente e da auga de chuvia.

Imaxes relacionadas