Tamén o DOG recolle a aprobación do expediente de información pública para executar este novo itinerario de uso peonil e para ciclistas non deportivos na estrada autonómica AC-131

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto para a construción da nova senda no Peteiro, no concello de Mugardos, que suporá un investimento de case 550.000 €

Esta intervención facilitará desprazamentos máis seguros e saudables e porá en valor unha contorna de gran valor natural e turístico, que inclúe a praia da Bestarruza ou o Castelo da Palma
 

Executarase un novo itinerario de 600 metros pola marxe dereita da AC-131, desde o punto no que finalizan as beirarrúas existentes ata a vía urbana de acceso ao Baño
 

Tamén se prevé habilitar unha zona de esparcemento e facilitar a conexión coa marxe esquerda da vía, onde están a maioría das edificacións, cun paso de peóns e escaleiras
 

A previsión é licitar as obras e convocar os actos expropiatorios antes de finais de ano, para a súa execución en 202

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción da nova senda no Peteiro, no concello de Mugardos, que suporá un investimento que rolda os 550.000 euros.

 

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade céntrase na habilitación dun novo itinerario de uso peonil e para ciclistas non deportivos na estrada autonómica AC-131, co obxectivo de facilitar desprazamentos máis seguros, máis limpos e máis saudables e contribuír a poñer en valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico: a praia da Bestarruza, a baía do Baño e, sobre todo, o Castelo da Palma.

 

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 13 de outubro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto no municipio coruñés. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/XKQpch .

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións antes de finais de ano, para a súa execución en 2023. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.

 

O detalle da intervención

Máis en concreto, executarase un itinerario de case 600 metros que se construirá pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, partindo do punto en que finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño.

 

Ademais, co fin de non afectar a vivenda existente na marxe dereita, nos seu primeiros 65 metros, a senda terá un ancho de 1,25 metros que se irá incrementando ata acadar os 2,50 metros.

 

O deseño previsto polo departamento de Infraestruturas da Xunta atende á integración e ao respecto ás propiedades e aos valores ambientais, polo que, se ben a senda transcorrerá, en xeral, paralela á estrada, en certos puntos desviarase para manter as árbores existentes.

 

A intervención fará preciso a execución dunha serie de muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

 

Tamén se prevé habilitar unha pequena zona de esparcemento con elementos de mobiliario urbano, así como facilitar a conexión coa marxe esquerda, onde están a maioría das edificacións, mediante a disposición dun paso de peóns e unhas escaleiras de acceso.

 

Ademais as obras prevén rede de drenaxe, alumeado, reposición de acesos e elementos de restauración paisaxística.

 

Tras o sometemento a información pública, o proxecto axustou o trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios peonís actuais: no inicio do treito, mediante a ampliación de beirarrúa existente ocupando parte de beiravía da calzada; e tamén coa ampliación da senda para que a chegada ao paso de peóns proposto á altura da rúa do Cristo poida ser accesible.

 

Esta nova actuación no Concello de Mugardos dá continuidade ao traballo da Xunta para fomentar a mobilidade sostible, poñendo á disposición itinerarios que faciliten os desprazamentos cotiáns dos veciños sen necesidade de coller o coche. A Xunta puxo xa en servizo nesta zona outras sendas como a que une Mugardos e Ares ou a que conecta Franza e Rilo, dúas intervencións que acadaron un investimento autonómico de 2 M€.

 

O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica e na dotación de sendas co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.