O presidente da Xunta interveu na visita da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á vila natal de Isabel Zendal

Rueda reivindica a aposta de Galicia e Madrid por modelos baseados na estabilidade, na mellora dos servizos e nas rebaixas de impostos para paliar a incerteza

Destacou os orzamentos “de gran contido social” que acaban de aprobar ambas comunidades e o feito de ser gobernos que apostan pola “xente” e por unha xestión “seria e estable”

Tres de cada catro euros do presuposto da Xunta para 2023 van para reforzar os servizos do benestar como a sanidade, a educación ou o emprego e as medidas fiscais implantadas van permitir un aforro de 128 M€ aos galegos en impostos

Agradece a Ordes e Madrid o recoñecemento que fan da enfermeira Isabel Zendal que participou na expedición que levou a vacina contra a varíola a América, unha sanitaria cuxa pegada “será eterna”
 

Ordes, 27 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a aposta da Xunta e do Goberno autonómico de Madrid por modelos de xestión baseados na estabilidade, na mellora dos servizos e nas rebaixas de impostos para paliar a incerteza do actual contexto económico. Durante unha visita ao centro sociocomunitario de Ordes Isabel Zendal, acompañado pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, Rueda fixo fincapé en que os dous gobernos autonómicos teñen “moitas cousas en común” e entre, elas, destacou a súa aposta pola “xente” e por ofrecer á cidadanía unha xestión “seria e estable”.

Rueda resaltou que Galicia e Madrid son unha mostra palpable de que é posible aumentar a inversión en servizos á vez que se baixan os impostos e sen xerar máis débeda. Neste sentido, o titular da Xunta destacou os orzamentos “con gran contido social” que acaban de aprobar ambos gobernos autonómicos e que, no caso de Galicia, destinan tres de cada catro euros a reforzar a sanidade, a educación, ás prestacións sociais ou o emprego.

Galicia é pioneira en medidas sociais como a implantación da gratuidade en todas as escolas infantís -o que supón aforros de 2.000 € por fillo ás familias- ou aprobar o calendario de vacinación máis completo do país. Pero ademais, os galegos van poder aforrar 128 M€ ao ano no pago de impostos grazas a medidas como a deflactación dos tres primeiros tramos do IRPF; a consideración das familias de dous fillos como numerosas a efectos fiscais ou ao duplicar a dedución para os fogares con tres fillos.

Recoñecemento da figura de Isabel Zendal

Durante a visita, Rueda quixo lembrar o importante papel na historia da sanidade mundial que xogou a enfermeira galega Isabel Zendal que no 1803 embarcou xunto ao doutor Balmis e 21 nenos portadores do antídoto da varíola cara a América co obxectivo de vacinar á poboación doutro lado do océano. “Foi a única muller nesta expedición que foi moi importante para a humanidade”, indicou Rueda. Ademais, o presidente resaltou a contribución que tivo esta primeira vacinación na erradicación da enfermidade da varíola que se acadou en 1980. 

O presidente da Xunta agradeceu tanto ao concello de Ordes como a Madrid que optasen por designar a dúas infraestruturas sanitarias co nome desta enfermeira galega cuxa pegada “será eterna”. No caso da vila natal de Zendal, esta enfermeira da nome ao centro sociocomunitario que hoxe visitaron os presidentes autonómicos e na capital de España, Isabel Zendal é o nome elixido para o hospital de pandemias aberto durante a crise de Covid-19.

 

Imaxes relacionadas