A Xunta celebra unha xornada técnica para fomentar a produción e comercialización da planta forestal mellorada

Esta acción está enmarcada nun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Arume para o impulso e promoción de material xenético de alta calidade

A mellora xenética das distintas especies forestais é un dos principais obxectivos do Plan forestal de Galicia 2021-2040, que procura un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

A Consellería do Medio Rural celebra hoxe no Centro de Investigación Forestal de Lourizán unha xornada técnica sobre a planta forestal mellorada, no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería e a Fundación Arume.

 

Así, a xornada servirá para fomentar a produción e a comercialización de material xenético forestal de alta calidade (plantas e sementes), especialmente do piñeiro. Precisamente, un dos puntos que recolle dito convenio contempla a celebración de seminarios para divulgar as vantaxes económicas e medioambientais que comporta o uso de material xenético de piñeiro mellorado entre os titulares, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira.

 

Neste senso, a acción formativa versou sobre a planta mellorada obtida nos programas de mellora xenética dos piñeiros do país e radiata e a súa comercialización, así como da produción vexetativa forestal das principais especies de piñeiro -entre outras- posto en marcha por ambas institucións, co fin de incrementar este material entre os titulares, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira de Galicia.

 

Plan forestal de Galicia 2021-2040

Este convenio camiña cara o que persegue o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, a mellora xenética das distintas especies forestais da nosa comunidade é un dos principais obxectivos do citado plan, que procura un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques (valores edáficos, hidrícos, ecolóxicos e a conservación dos recursos de fauna e flora), con especial atención a políticas de conservación in situ dos recursos xenéticos, complementadas con accións de conservación ex situ. En concreto, entre outras medidas, ao abeiro deste Plan prevese a posta en marcha dun Programa de conservación de recursos xenéticos que abranguerá, deica o ano 2040, 15.000 hectáreas de superficie.

 

Así mesmo, en relación ás coníferas e especialmente ao piñeiro, o Plan Forestal tamén contempla fomentar a través de liñas de axuda as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética deste tipo de especies, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas árbores en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino a serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo.