A Xunta destaca en Carballo o papel das asociacións de comerciantes no impulso aos negocios locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou no sorteo da iniciativa ‘Mercar no teu comercio ten premio’, organizada a nivel autonómico pola Federación Galega de Comercio e coa colaboración neste caso do Centro Comercial Aberto de Carballo

Os comerciantes poden sumarse ata o 30 de novembro ao programa do Bono Activa Comercio, con descontos de 30 euros que descargaron máis de 166.000 clientes de toda Galicia, esgotando o orzamento de 5M€ en tan só 3 días

Carballo (A Coruña), 27 de outubro de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe en Carballo o papel das asociacións de comerciantes no impulso dos negocios locais, traballando de xeito conxunto para incrementar a súa competitividade e achegar novos servizos aos consumidores. Heredia participou no sorteo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

 

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros. Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo. Todos os clientes que realizaran compras no comercio de proximidade desde o pasado 20 de outubro puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

 

A campaña complementa as distintas accións impulsadas pola Xunta de Galicia para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición do Bono Activa Comercio. Máis de 166.000 consumidores descargaron xa os descontos de 30 euros, esgotando en tan só tres días os 5 millóns de euros que a Xunta destina a esta iniciativa, coa que se prevé mobilizar 17 millóns de euros en vendas. Os clientes poderán empregar os bonos ata o 31 de decembro, mentres que os establecementos poden seguir adheríndose á iniciativa ata o vindeiro 30 de novembro. 

 

Este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.