Rueda avanza que a Xunta porá en marcha unha axuda de 12.000 euros ao ano para as persoas con ELA

O presidente da Xunta destaca que Galicia será “a primeira comunidade” en contar cunha liña de axudas “directa e inmediata” para os pacientes con Esclerose Lateral Amiotrófica

Resalta que a Administración autonómica habilitará nos Orzamentos de 2023 unha partida de 3,2 millóns de euros para este fin

Subliña que obxectivo do Goberno galego é axudar aos doentes e ás familias a afrontar o “gran custo económico” que supón esta enfermidade progresiva, sen cura e altamente incapacitante

Estas achegas van encamiñadas a apoiar os gastos extraordinarios na compra de material sanitario ou na adaptación da vivenda e o vehículo

 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai poñer en marcha unha axuda para para apoiar as persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) nos gastos extraordinarios que teñen que realizar por mor desta enfermidade progresiva, sen cura e altamente incapacitante. “O Consello deu hoxe o visto e prace a unhas axudas de 12.000 euros ao ano por paciente e que contarán cunha partida de
3,2 M€ no 2023”, explicou.

 

Rueda destacou que, deste modo, “Galicia vai ser a primeira comunidade en pór a disposición das persoas con ELA unha axuda directa e inmediata”. O obxectivo é axudar ás familias a facer fronte ao “gran custo económico” que supón este diagnóstico, xa que unha persoa con ELA pasa nuns meses de ser plenamente autónoma a ter unha gran dependencia. 

 

Tal e como explicou o presidente autonómico, co diagnóstico de ELA elévanse os gastos máis básicos como a alimentación, o coidado ou a rehabilitación e tamén xorden outros de grande importancia como a compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas. Así mesmo, é preciso adaptar fogares para realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade en baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores. Ademais, nestes pacientes é necesario adquirir vehículos adaptados.

 

En Galicia hai máis de 250 persoas con ELA, e cada ano diagnostícanse 30 novos casos. Por iso, o Goberno galego quere achegar un apoio directo e inmediato ás persoas con esta enfermidade, ás súas familias e a entidades como AgaELA, que os representa e cos que a Xunta mantén un espírito de colaboración continuo.

 

Galicia, á vangarda

Esta non é primeira vez que Galicia se sitúa á vangarda neste ámbito. No 2018 tamén foi pioneira ao crear o Proceso asistencial integrado de Esclerose Lateral Amiotrófica. Ao amparo deste procedemento de actuación buscouse axilizar a atención das persoas con esta enfermidade. Así, establecéronse vías rápidas: a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico; e a nivel social, abrindo unha vía preferente para que as solicitudes de dependencia da ELA se tramiten en menos dun mes.

 

Ademáis, o presidente da Xunta fixo fincapé no avance realizado nos últimos 13 anos nos servizos e axudas en atención á dependencia. Neste sentido, resaltou que, desde 2009, o número de persoas dependentes atendidos en Galicia multiplicouse por catro ao pasar dos 15.000 de 2009 aos máis de 66.000 dependentes atendidos na actualidade pola Administración.

 
 


 

Imaxes relacionadas