A Xunta recorrerá ante a Xustiza a decisión do Goberno central de bloquear a transferencia a Galicia dos 4,3 M€ comprometidos para o lobo

Rueda lamenta que o Executivo decida excluír a comunidade galega destes fondos “de maneira unilateral e sen fundamento legal que o xustifique”
 

Lembra que as tres comunidades que aglutinan ao 93% dos lobos de España -Galicia, Cantabria e Castela e León- quedan sen financiación por votar en contra da Estratexia nacional do lobo
 

Segundo a repartición territorial acordada na conferencia sectorial do pasado mes de xullo, á Comunidade correspóndenlle 2,4 M€ para medidas preventivas e 1,9 M€ para paliar os danos da especie pero o Ministerio decidiu deixala sen fondos
 

O Goberno autonómico triplicará en 2023 o seu esforzo orzamentario para axudar o sector agrogandeiro na aplicación de medidas de prevención fronte a estes animais
 

Por primeira vez convocarase unha orde de incentivos para contratar persoas coidadoras do gando en extensivo ademais das axudas habituais para instalar valados, comprar cans, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego recorrerá ante a Xustiza a decisión do Executivo central de bloquear a transferencia a Galicia dos 4,3 millóns de euros que lle corresponden dos orzamentos estatais reservados para o lobo. “O Goberno decidiu excluír a nosa comunidade dese reparto de maneira unilateral a sen fundamento legal que o xustifique”, denunciou Rueda.

O titular do Goberno autonómico lamentou que o único argumento esgrimido pola Administración central é que Galicia votou en contra da Estratexia para a convivencia das actividades do medio rural co lobo e a súa conservación e resaltou que isto fai que as tres comunidades que aglutinan o 93% dos exemplares de lobos de España -Galicia, Cantabria e Castela e León- queden fóra do reparto de fondos. 

“Non se entende que aínda que se vote en contra quedemos fóra, xa que os efectos e prexuízos seguen a producirse e foron in crescendo”, argumentou Rueda sobre esta “exclusión arbitraria”.

Segundo o acordo adoptado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do pasado 28 de xullo, Rueda lembrou que Galicia debería recibir este ano 2,4 millóns de euros para medidas preventivas fronte ao lobo e 1,94 millóns para paliar os danos causados por esta especie. Non obstante, apenas un mes despois da dita reunión, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) decidiu deixar fóra da repartición a Galicia por votar en contra da Estratexia para a convivencia das actividades do medio rural co lobo e a súa conservación.

Tendo en conta o ocorrido, o presidente da Xunta explicou que o Consello aprobou esta mañá o acordo polo que autoriza a Asesoría Xurídica Xeral a interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra as resolucións do Miterd, en virtude das cales unicamente recibirán fondos para o lobo aquelas comunidades que non emitiron un voto contrario ao referido documento.

As tres principais comunidades lobeiras, en contra da Estratexia

Neste sentido, cómpre recordar que nesa conferencia sectorial algunhas das principais comunidades lobeiras do país —entre elas, Galicia— se opuxeron á aprobación da Estratexia, co argumento principal de que o documento non inclúe un balance dos resultados da estratexia anterior, nin foi redactado a partir dun censo nacional que permita actualizar e cotexar os últimos datos dispoñibles sobre a especie.

Durante esa mesma reunión, tamén se acordou a asignación e distribución territorial tanto dos fondos correspondentes á realización de medidas preventivas para a xestión do lobo ibérico, como dos reservados a paliar os danos producidos á gandaría extensiva.

En función dos criterios e da repartición territorializada aprobados na conferencia sectorial, Rueda lembrou que a Xunta tiña comprometidos para este ano un “total de 4,3 millóns de euros”. Pero posteriormente e en contra dos acordos adoptados en xullo, o Miterd vinculou a transferencia efectiva dos fondos á aprobación da Estratexia do lobo, unha condición que non figura entre os criterios obxectivos de distribución aprobados no marco da conferencia sectorial, órgano competente para tomar este tipo de decisións.

Por todo o exposto, o Goberno autonómico recorrerá as resolucións do Ministerio que deixan fóra da repartición a Galicia, ao considerar que lle impiden o acceso a uns fondos previstos nos orzamentos do Estado que ten lexítimo dereito, co fin de preservar os intereses dos gandeiros e a conservación da especie no seu territorio.

O triplo de axudas para prevención

Con independencia do recurso contra o Miterd e do seu resultado, o presidente da Xunta transmitiulles aos galegos que poden estar tranquilos e que “non van quedar desprotexidos”. Así, anunciou que o Goberno galego adoptará outras medidas co fin de garantir a protección do medio rural e a súa convivencia en equilibrio con esta especie, mobilizando nos orzamentos do ano que vén un total de 2,5 millóns de euros a través de diferentes liñas de incentivos.

En concreto, Rueda salientou que Goberno galego “triplicará en 2023 o seu esforzo orzamentario para axudar o sector agrogandeiro na aplicación de medidas de prevención fronte aos ataques destes animais”. Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservará 1,9 millóns de euros —fronte aos 600.000 euros mobilizados este ano— a financiar 3 ordes de subvencións para prever e minimizar o impacto do lobo.

Por un lado, segundo explicou o presidente autonómico, convocarase por primeira vez unha liña de incentivos para contratar persoas coidadoras do gando en explotacións en réxime extensivo para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo das reses, unha liña novidosa con que se busca fomentar as boas prácticas e unha xestión axeitada das granxas co fin de reducir os danos do lobo sobre as producións e garantir un desenvolvemento rural máis sustentable.

Así mesmo, manteranse tamén as axudas habituais para aplicar outro tipo de medidas preventivas nas explotacións agrogandeiras. En todo caso, como novidade para o vindeiro ano, convocaranse dúas ordes diferenciadas: unha delas só para adquirir e instalar valados fixos, e a outra, para a compra e manutención de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e a colocación de cerrumes con malla.

En canto ás indemnizacións polos danos causados polo lobo, o mandatario galego remarcou que a Xunta destinará 646.000 euros —a mesma contía que este ano— a convocar unha nova liña de axudas para compensar os afectados polas perdas derivadas dos ataques desta especie.

Imaxes relacionadas