O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá os servizos de dous concellos da provincia de Lugo

A Xunta pon en marcha novas casas niño no Incio e Láncara para facilitar a conciliación das familias

En Galicia hai actualmente 95 centros deste tipo no rural, que poñen á disposición das familias dos concellos de menor tamaño 475 prazas gratuítas de atención á infancia

O Incio (Lugo), 27 de outubro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou as dúas novas casas niño que acaban de poñerse en marcha na provincia de Lugo, concretamente, nos concellos do Incio e Láncara, que ofrecerán atención integral e personalizada a un máximo de cinco nenos en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos. 

As casas niño do Incio e Láncara forman parte das seis novas casas financiadas polo Goberno galego na última convocatoria de axudas, xunto con Portomarín, Monfero, Pontedeva e Verea. Deste xeito, xa son 95 as casas niño postas en marcha pola Xunta de Galicia desde o 2016, isto é, 475 prazas gratuítas de atención á infancia nos concellos de menor tamaño. 

As casas niño son un modelo de atención á infancia de 0 a 3 anos adaptado ás características dos concellos do rural de Galicia. O servizo desenvólvese con carácter gratuíto de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes de cada doce no que permanece pechada por vacacións. 

A Xunta, a través deste programa achega recursos de conciliación a concellos do rural onde non existían, fomenta a creación de emprego e permite a recuperación de inmobles en desuso.

 

Imaxes relacionadas