O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu ao VII Fórum ‘Retos Internacionales del Ecosistema Salud’, organizado polo Cluster de Saúde de Galicia

A Xunta salienta o papel das novas tecnoloxías para avanzar nos coidados dos galegos de máis idade

Antón Acevedo participou na mesa redonda ‘Innovación tecnológica y modelos de cuidados desde la perspectiva pública y privada’

O director xeral puxo en valor o novo modelo das residencias galegas e outras iniciativas nas que está a traballar o Goberno galego para potenciar os servizos de proximidade

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

  O director xeral de Maiores e Atención Sociocianitaria, Antón Acevedo, salientou hoxe o papel das novas tecnoloxías para avanzar nos coidados dos galegos de máis idade. Fíxoo esta mañá no VII forosobre Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES), organizado polo Clúster de Saúde de Galicia e que tivo lugar no Hotel Palacio del Carmen.

Antón Acevedo participou na mesa redonda Innovación tecnológica y modelos de cuidados desde la perspectiva pública y privada. Durante a súa intervención, puxo en valor a posta en marcha do novo modelo de residencias que xa se está a aplicar nos centros galegos e que conta con catro piares básicos: a formación continua e a humanización, as novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e as melloras arquitectónicas.

Neste sentido, recordou que nos últimos meses, a Administración autonómica xa está a incorporar importantes avances que axilizan o traballo dos profesionais e melloran o benestar dos usuarios, a través de monitores multiparamétricos ou habitacións intelixentes con sensores que avisan se unha persoa sufre unha caída ou deambula pola noite.

 

Así mesmo, Antón Acevedo sinalou que a Xunta de Galicia ten entre os seus eixos prioritarios a atención ás persoas maiores alá onde elas prefiran. Por iso, ademais de avanzar no sistema de coidados residenciais, subliñou que o Goberno galego tamén está a potenciar os servizos de proximidade como o Servizo de Axuda no Fogar, a teleasistencia, o Xantar na Casa ou os Coidados Porta a Porta.

 

Imaxes relacionadas