A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-543 ao seu paso polo concello de Brión

O Goberno galego inviste case 50.000 € na rehabilitación do firme desta vía para a eliminación do tramo de concentración de accidentes situado no entorno da rotonda do quilómetro 9+300

Mellorarase o comportamento do firme da estrada fronte ao deslizamento, para o que se levará a cabo o fresado e a reposición do firme no ancho completo dos carrís da glorieta e dos accesos a ela desde as estradas AC-304 e AC-543

A Xunta segue traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-543 ao seu paso polo concello de Brión.

 

Os traballos, cun investimento de preto de 50.000 euros, permitirán a rehabilitación do firme desta estrada autonómica para a eliminación do tramo de concentración de accidentes situado no entorno da rotonda do punto quilométrico 9+300 da vía.

 

Mellorarase o comportamento do firme da estrada fronte ao deslizamento. Para iso, estase a proceder ao fresado de 5 centímetros de profundidade da capa de rodaxe, así como á reposición da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

 

Todos estes traballos de fresado e de reposición de firme levaranse a cabo no ancho completo dos carrís, tanto dos da glorieta como dos que acceden a ela desde as estradas AC-304 e AC-543.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas